A pretendida ampliación da depuradora dos Praceres sería, segundo Marea Pontevedra, unha nova "agresión" contra Lourizán, un "castigo" que as administracións "levan consentido durante décadas". Por iso é polo que iniciaron unha ofensiva para frear este proxecto.
O portavoz de Marea, Luís Rei, anunciou que o seu partido levará unha moción ao próximo pleno da corporación, que se celebrará o martes 9 de outubro, para evitar que Augas de Galicia "triplique" a capacidade da depuradora, ampliando as instalacións cara aos terreos que, ata hai pouco, ocupaba o campo de fútbol.
Así, pretenden que o goberno municipal ordene á asesoría xurídica que, igual que fai con calquera trámite relativo a Ence ou Elnosa, explore as vías legais para opoñerse a este proxecto e, ademais, faga público o seu posicionamento na comisión de seguimento do plan de saneamento da ría de Pontevedra.
Ata agora, engadiu Rei, o BNG "foi amigo de todo o mundo e a costa dos seus", ao entender que os sucesivos gobernos autonómicos e nacionais manobraron para crear en Lourizán un "banco de excrementos" e desde o Concello "nunca moveron ficha".
Marea tamén reclama que o goberno municipal solicite a Costas que non autorice a ocupación dos terreos do antigo campo de fútbol, se van ser empregados para ampliar as actuais instalacións da EDAR de Praceres.
Pero Luís Rei non só responsabiliza a Pontevedra desta situación. Entende que a repartición das augas residuais que se depuran na ría debe ser "equitativo" e, neste sentido, instan aos concellos de Marín e Poio a poñer a disposición de Augas de Galicia dos terreos necesarios para a construción de senllas depuradoras.
"Pontevedra non pode asumir o custo ambiental da depuradora e Poio e Marín irse de rositas", explicou o portavoz de Marea, que nas rías de Arousa e Vigo hai once depuradoras en cada unha, mentres que na pontevedresa hai só tres: Pontevedra, Bueu e Sanxenxo.
Desde Ribeira ata Baiona, destacou Rei, as "únicas excepcións" entre os concellos costeiros que teñen EDAR son os dous limítrofes con Pontevedra.