Os concellos de Pontevedra e Barro recibiron a pasada semana o estudo informativo da prolongación da autovía A-57 entre o tramo Pilarteiros (Santo André de Xeve) e Barro, conexión coa autoestrada AP-9 en Curro e coa autovía de O Salnés.
Terán un prazo de 30 días para informar este novo proxecto deste tramo da autovía.
No caso de Pontevedra, nunha primeira impresión, os técnicos municipais apuntaron que se recolleu a única suxestión que o Concello presentara a este proxecto, vinculado ao entronque da autovía co nó de Curro.
Segundo informaron fontes oficiais, aínda que non era unha competencia propia do Concello, os técnicos municipais entendían que aquela proposta de Fomento invadía un núcleo rural ao aproveitar parte das rúas existentes e supoñía o derrube de vivendas, e unha grande afectación do terreo.
No caso de Barro, o alcalde Xosé Manuel Abraldes convocou para este mércores as 20:00 horas na Casa do Concello unha reunión cos portavoces dos grupos políticos representados na corporación, membros das comunidades de montes de Curro e Portela e representantes veciñais para falar da proposta e consensuar unha posición común e acordar as actuacións a levar a cabo.