Pontevedra despide a Placemaking logo duns días “intensos e emocionantes”

Pontevedra
01 de outubro 2022

Logo de catro días intensos, Pontevedra pechou este venres a ‘Placemaking Week Europe’, a conferencia e festival máis grande de Europa que reflexionou o impacto da creación de espazos nas ciudades. Participaron máis de 400 persoas de 41 países. Pasada esta experiencia, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores reflexionou e fixo fincapé "no orgullo que me transmitiu Pontevedra"

Despedida da Placemaking Europe
Despedida da Placemaking Europe / Mónica Patxot

Logo de catro días intensos, Pontevedra pechou este venres a ‘Placemaking Week Europe’, a conferencia e festival máis grande de Europa que reflexionou o impacto da creación de espazos nas ciudades. Participaron máis de 400 persoas de 41 países. Pasada esta experiencia, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores reflexionou e fixo fincapé "no orgullo que me transmitiu Pontevedra".

"Non é algo novo, estou orgulloso de Pontevedra cada día, sabedes que teño verdadeira paixón por esta cidade, e deste xeito puidemos asistir a unha nova mostra do interese que esperta a Boa Vila no mundo, de como viñeron centos de expertos e expertas até ela, de como logramos sorprender en máis dunha ocasión, e de como logramos facer realidade o que outras ciudades do mundo aspiran a idear ou proxectar", sinalou o rexedor.

Lores amosouse convencido de que "de seguro podemos mellorar", e por iso tamén o goberno local decidiu optar a ser sede desta Placemaking Week Europe, "porque queriamos escoitar, queriamos aprender, queriamos seguir este camiño acompañados, procurando sempre as mellores solucións para eses retos do futuro, tanto coñecidos coma descoñecidos".

"Estes días foron intensos e emocionantes", recoñeceu o alcalde en referencia aos expertos internacionais do urbanismo que camiñaron esta semana polas rúas da Boa Vila, compartiron co mundo as súas experiencias a través das redes, "foron testemuñas in situ do que procuramos para esta cidade, que non é outra cousa que progreso, innovación e futuro".

"Pontevedra conta cun río que sempre está en movemento, e podería establecer unha metáfora co Lérez, podería pensar que a mesma cidade está sempre fluíndo, traendo novas ondas, correntes; as persoas desta cidade contan cunha madeira especial, cun talento que tamén foi posible ver estes días, proxectos empresariais de primeiro nivel, talento creativo, un xeito diferente de pensar", asegurou Fernández Lores.

O alcalde agradeceu á cidade "a incrible acollida que lle ofreceu aos visitantes" e destacou que "Pontevedra é unha vila que promove o respecto, a diversidade e a seguridade, e nunca mudaremos esa forma de pensar, está no noso ADN pontevedrés e galego, sempre estaremos dispostos a escoitar a todo aquel que vén".

"Nunca este país asistira a unha reunión de expertos en Urbanismo desta magnitude e, estou convencido que nuns anos repetiremos, porque quen pasa pola Boa Vila repite, xa volo dixen o primeiro día. Mesmo sei que hai algúns que queren quedar, que queren probar sorte e vivir aquí. Será un inmenso pracer", dixo o alcalde aos partipantes neste encontró internacional.

Por último, expresou un desexo "agardo, de corazón, que as cidades sexamos ese lugar que deben ser nuns anos. Sitios amables, seguros, para todos e todas, espazos onde xogar, competir, ver concertos, actuacións, camiñar até a escola, a universidade, o traballo; estar cos nosos, gozar da vida do xeito máis amplo e diverso posible; en definitiva, alcanzar o máximo benestar posible, ter vilas e cidades que nos fagan ser mellores persoas, porque iso ao final é que procuramos todos os que estamos hoxe aquí: mellorar o mundo, que os nosos fillos e as nosas netas teñen un planeta, un continente, unha península, un país, una cidade, un barrio, unha rúa mellor da que nós atopamos no seu día".

 

Arquivado en