Pontevedra aprende da experiencia do País Vasco para mellorar a planta de compost da Canicouva

Pontevedra
08 de setembro 2015

A expedición da Deputación provincial en Navarra coñeceu unha planta de tratamento que podería ser tamén unha referencia para a mancomunidade do Morrazo ou os concellos do Baixo Miño

Planta de Compostaxe de Épele
Planta de Compostaxe de Épele / Consorcio de Residuos de Gipuzkoa

A expedición da Deputación en Navarra, formada por 45 alcaldes, concelleiros e técnicos de toda a provincia de Pontevedra, coñeceron este luns as instalacións da planta de compostaxe de Epele (Bergara), que na súa concepción é moi similar á que se pretende instalar na Canicouva en Pontevedra. Así mesmo, tamén podería servir como referencia para unha posible planta de tratamento mancomunada dos concellos do Morrazo e do Baixo Miño.

A planta de Epele, que se porá en marcha en outubro no País Vasco, dará servizo a tres mancomunidades chegando a tratar 9.000 toneladas por ano das 35.000 que se xeran en toda a comunidade. No caso de Pontevedra o obxectivo é tratar unha cantidade similar da fracción orgánica do residuo municipal e acadar aproximadamente unhas 2.300 toneladas de compost.

En Epele o proceso de compostaxe necesita de oito túneles nos que se fará a bioxidación da parte orgánica do lixo mesturada con estruturante (ao 50%). Mediante sistemas de aireación e rego evitarase que as temperaturas suban dos 70º durante unhas catro semanas. Trala bioxidación, o compost fresco colocarase en pilas onde continuará en fase de maduración outras seis semanas. Ao longo dese período voltearase tantas veces como sexa preciso e, por último, o compost será cribado para retirar os elementos de gran tamaño e así conseguir un produto refinado en condicións de comercialización.

No caso da planta de tratamento de Pontevedra, segundo lembrou o asesor provincial en residuos, Carlos Pérez, farase un tratamento con nitróxeno e en cámaras pechadas en lugar de facelo por osíxeno e aireación. Isto suporá un importante beneficio, xa que o proceso será máis rápido que en Epele e requirirá de menos espazo, posto que ao estar hermeticamente disposto o material a descomposición dos orgánicos producirase antes. En Pontevedra, de feito, só haberá catro túneles de tratamento na primeira fase (de descomposición).

A novidade que incorporarán as dúas plantas de tratamento, tanto a de Pontevedra como a de Epele, será a de utilizar biofiltros (unha piscina de codias) que minimizarán as emisións de cheiros á atmosfera. Ademais utilizaranse os lixiviados xerados no proceso de fabricación do compost para a humidificación da materia no inicio do proceso. Deste xeito habería cero emisións e non sería precisa a presenza dun xestor de depuración.

A planta de Epele e a de Pontevedra teñen, segundo os técnicos da Deputación de Pontevedra, o tamaño máximo para ser consideradas eficientes e sostibles economicamente.  No caso da planta vasca, o seu custe elevouse a 6 millóns de euros, aos que hai que sumar outro millón gastado en maquinaria e outros tres en terreos, infraestruturas de acceso, desmontes e outros traballos. O montante global da instalación ascende a uns 10 millóns de euros. En Pontevedra, a estimación inicial roldaba os 5,7 millóns de euros, se ben a intención da Deputación provincial e do seu vicepresidente, César Mosquera, é reducir as súas dimensións o máximo posible e, por tanto, o seu custe.

Arquivado en