Pontevedra advirte que as obras fóra da actual EDAR son "incompatibles" co plan urbanístico

Pontevedra
06 de novembro 2018

As obras previstas na actual depuradora dos Praceres, encamiñadas á súa mellora tecnolóxica, son legais segundo o Concello de Pontevedra. Así o sinalan os informes dos técnicos municipais, redactados para valorar o anteproxecto presentado por Augas de Galicia. Pero non todas as actuacións teñen a mesma consideración

Comisión de Urbanismo no Concello de Pontevedra
Comisión de Urbanismo no Concello de Pontevedra / Mónica Patxot

As obras previstas na actual depuradora dos Praceres, encamiñadas á súa mellora tecnolóxica, son legais segundo o Concello de Pontevedra. Así o sinalan os informes dos técnicos municipais, redactados para valorar o anteproxecto presentado por Augas de Galicia. Pero non todas as actuacións teñen a mesma consideración.

A tenente de alcalde, Carme da Silva, advertiu que os traballos que se realicen fóra dos terreos da estación depuradora son "incompatibles" co plan urbanístico en vigor.

Neste lote, os técnicos inclúen a cámara de carga, mover o colector de pluviais e a conexión do novo emisario submarino, "porque están noutra zona que está para outros usos, non para a EDAR".

A este respecto, o Concello trasladou dúas alegacións ao proxecto do emisario submarino, que se suman aos informes municipais xa trasladados anteriormente á administración autonómica.

Pontevedra pide que o punto final do emisario sexa consensuado co sector pesqueiro e marisqueiro e cos concellos afectados. Ademais, reclama que o emisario ten que ser para augas urbanas.

"Se hai que facer un novo emisario será porque o vello non sirve, porque non funciona e se non pode cumprir a súa función por que as augas de Ence van a ir por ese emisario que non funciona", preguntou a concelleira en voz alta.

Da Silva engadiu que Ence non ten autorización de vertido e no goberno municipal non están de acordo con que un emisario "que se fixo con fondos públicos" pase a ser usado por unha empresa privada.

ALEGACIÓNS DA PLATAFORMA

A este emisario submarino tamén presentou alegacións a plataforma veciñal de Lourizán, que reclama á Xunta a retirada do proxecto ao entender que del "non se coñece absolutamente nada" ao non ter exposto ao público os documentos técnicos.

Este trámite, engaden, "non garante a transparencia do procedemento administrativo nin os dereitos democráticos da sociedade civil".