Ponte Caldelas solicitará a transferencia dun treito de estrada na Reigosa para arranxalo

Ponte Caldelas
09 de setembro 2021

A intención do Concello de Ponte Caldelas é acometer un asfaltado integral, pero ata que se produza a transferencia da vía autonómica ao municipio a aprobación do gasto non resulta posible

O concelleiro José Manuel Martínez e o alcalde de Ponte Caldelas Andrés Díaz visitan a estrada da Ponte na Reigosa
O concelleiro José Manuel Martínez e o alcalde de Ponte Caldelas Andrés Díaz visitan a estrada da Ponte na Reigosa / Concello de Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas anuncia que se vai dirixir á Consellería de Infraestruturas para solicitar que se transfira á administración municipal un treito duns 200 metros correspondente ao vello trazado da estrada autonómica PO-532 ao seu paso pola Reigosa.

O alcalde Andrés Díaz e o concelleiro José Manuel Martínez visitaron a vella estrada pertencente á rede secundaria de estradas autonómicas. Alí comprobaron que o vial dá acceso a varias vivendas e a un local de hostalería, polo que o seu mal estado resulta unha incomodidade para os vehículos que diariamente o empregan.

A estrada presenta varias fochancas que se van abrindo no deteriorado firme. A intención do Concello de Ponte Caldelas é acometer un asfaltado integral, pero ata que se produza a transferencia da vía autonómica ao municipio a aprobación do gasto non resulta posible.

Na comunicación que se vai remitir a Infraestruturas ante o abandono desta estrada, o Concello manifestará a súa intención de pavimentar completamente o tramo de escasos 200 metros na chamada estrada da Ponte, que nace na provincial EP-0002 e remata na PO-532.

O alcalde de Ponte Caldelas indica que unha vez integrada esta vía no patrimonio municipal, o Concello asumirá as competencias en materia de  xestión, mantemento e disciplina viaria.

Arquivado en