O goberno municipal de Ponte Caldelas incrementará a partida de emerxencia social ata os 35.000 euros nos orzamentos de 2021, que xa está a tramitar.
Estes cartos, segundo o alcalde, Andrés Díaz, vanse empregar para atallar situacións difíciles e puntuais das familias de Ponte Caldelas. A ese límite, engadiu, "podería chegar calquera familia ante un revés", polo que o Concello reforzará este programa.
A través de esta iniciativa, Ponte Caldelas dará cheques de 100 euros para mercar alimentos básicos ou vales para que ningún neno quede sen regalos en Nadal.
Ademais, tamén se financiará a compra de produtos básicos ou de primeira necesidade ou se darán axudas directas para pagar, puntualmente, o aluguer, a hipoteca, a luz ou calquera atención médica e sanitaria.
Desde o ano 2015, esta partida incrementouse en 30.000 euros, segundo destaca Díaz.