Ponte Caldelas denuncia 15 meses de bloqueo da Xunta na Central de Transportes da Reigosa

Ponte Caldelas
14 de febreiro 2018

O Concello de Ponte Caldelas denuncia que leva 15 meses agardando a que a Xunta de Galicia realice un cambio na normativa urbanística autonómica pola que debe guiarse para conceder licenzas de construción na Central de Transportes da Reigosa 

Andrés Diaz visita os terreos da Central de Transportes da Reigosa / Concello de Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas volveu denunciar atrasos na Central de Transportes da Reigosa. En concreto, asegura agora que leva 15 meses agardando a que a Xunta de Galicia realice un cambio na normativa urbanística autonómica pola que debe guiarse para conceder licenzas de construción.

Esta atraso motiva, segundo denuncia o goberno local, que o municipo leva eses mesmos 15 meses de bloqueo nos que "se está a frear a creación de emprego" neste solo industrial, algo que consideran "escandaloso coa que está caendo"

A situación afecta, segundo os datos que facilita o Concello, a media ducia de empresarios que agardan dende hai meses para tramitar os seus proxectos.

O alcalde, Andrés Díaz, visitou estes días a Central de Transportes e comprobou o "absoluto abandono" dos seus 86.963 metros cadrados, co solo industrial invadido polos toxos e os viais con deterioros visibles e sinais e farois dobrados ou fóra de servizo.

Despois da visita, indicou que xa está farto desta situación, pois pediulle á Xunta que actuase por escrito e verbalmente en numerosas ocasións e "dixeron que si, pero a realidade é que non fan nin caso".

A Central de Transportes foi inaugurada en 2005 despois dun investimento público de 3,5 millóns de euros. Nos 12 anos transcurridos, Xestur lanzou varias ofertas para tratar de poñer as cinco grandes parcelas no mercado, pero neste tempo só conseguiu vender a correspondente a unha gasolineira low cost.

O Concello de Ponte Caldelas redactou unha proposta técnica en novembro de 2016 para corrixir as carencias na normativa urbanística aplicable, que é competencia exclusiva da Xunta de Galicia, propietaria do solo. Diante da falta de resposta, en xullo de 2017 aprobou unha moción no Pleno para lembrarlle á Xunta a súa tardanza en aprobar a modificación.

O Concello de Ponte Caldelas propón a subdivisión das cinco grandes parcelas da Central de Transportes en decenas de subparcelas moito máis acaídas á demanda actual do mercado. O novo regulamento urbanístico que debe fixar os criterios de aliñacións de fachadas, distancias aos lindeiros, fondo edificable e tipoloxía dos muros, entre outros parámetros, é competencia exclusiva da Xunta de Galicia. Ata que non se aprobe  resulta imposible tramitar e dar licenzas aos pequenos empresarios interesados.

Arquivado en