A corporación municipal de Ponte Caldelas aprobou, cos votos a favor do PPdeG e BNG e a abstención do PSdeG-PSOE, a declaración de proxecto de interese municipal a construción da factoría conservera Orbe, S.A. no Parque Empresarial da Reigosa, que leva consigo un investimento duns 6 millóns de euros e supoñerá unha ocasión importante para favorecer as posibilidades de empleabilidad no municipio.
Así mesmo, a implantación desta factoría supoñerá a futura tributación de Orbe, S.A. en Ponte Caldelas por conceptos como o IAE ou o IBI.
Previamente a esta declaración, o alcalde, Perfecto Rodríguez, acaba de subscribir coa dirección da empresa un protocolo de colaboración en virtude do cal Orbe, S.A. mostra a súa disposición a facilitar a empregabilidade a parados censados neste municipio dentro das posibilidades e postos de traballo que poida xerar a empresa.
Así mesmo, a corporación municipal de Ponte Caldelas decidiu outorgarlle unha bonificación do 50% no Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) ao proxecto construtivo que levará a cabo Orbe no Parque Empresarial da Reigosa.
O alcalde de Ponte Caldelas prevé que a Xunta de Goberno de este venres outorgue xa a licenza de obras e de actividade co fin de axilizar ao máximo a posta en funcionamento desta factoría, prevista pola xerencia da empresa para o próximo verán.
CONTA XERAL
Por outra parte, o Pleno da corporación municipal aprobou cos votos a favor do PPdeG, a abstención do BNG e o voto en contra do representante socialista, a conta xeral do exercicio de 2013 para o seu posterior envío ao Consello de Contas, en tempo e prazo.
Dende o grupo municipal do PSOE destacaron que o presuposto municipal sufriu múltiples variacións durante o ano o que, ao seu xuízo "denota unha evidente improvisación e falta de rigor na súa elaboración así como na execución".