Preto de dúas mil persoas, segundo a cifra achegada polos organizadores, saíron este domingo ás rúas de Ponte Caldelas para amosar o seu rexeitamento ao proxecto para garantir o abastecemento de auga á área metropolitana de Vigo usando os ríos Verdugo e Oitavén.
"Nin trasvase, nin encoro" foi o berro unánime dos manifestantes ante o que consideran unha "agresión medioambiental sen precedentes" e que, segundo advirten, non consentirán.
Con silbatos, bubucelas, cacerolas, sarténs e latas, a veciñanza lamentou o desacordo e a falta de respecto que amosan coa poboación de Ponte Caldelas e dos concellos da contorna as tres administración implicadas en dar solución aos problemas de auga do sur da provincia.
A concentración partiu ás 12.00 horas de diante da Casa do Concello e discorreu polas rúas Avenida de Galicia, Avenida de Pontevedra, Rúa da Ponte e Rúa Emigrante para rematar na Alameda de Ponte Caldelas, onde o alcalde, Andrés Díaz, fixo lectura dun manifesto.
A Xunta, o Estado e o Concello de Vigo, denunciou Díaz, "uníronse e pagaron a escote" o estudo que plantexa, entre outras intervencións, un encoro en Forzáns e aumentar o bombeo de agua desde o Verdugo "e sen dar a cara" ante os veciños de Ponte Caldelas.
"Dende o sillón dun despacho pintan no mapa un trasvase, debuxan encoros e parques eólicos e incluso trazan liñas de alta tensión. Para eles o rural son catro casas, catro veciños que non importamos nada. Pero non é así, e hoxe estámolo demostrando xuntos, unidos", indicou Díaz.
O rexedor garantiu que "onte, hoxe e sempre defenderemos o río Verdugo porque é o noso futuro", recordando que os 33 lugares de Ponte Caldelas viven desta auga "que é a nosa fonte e a nosa vida", polo que reiterou que "o presente e o futuro do noso pobo depende del".
A manifestación rematou con todos os participantes entonando o himno galego na Alameda de Ponte Caldelas, logo de berrar "para que nos escoiten en Santiago, en Madrid e en todo o mundo: O rural ten voz. O rural ten vida. O rural ten futuro".
Desde a Plataforma en Defensa dos Ríos Oitavén e Verdugo-ENCORO NON valoraron moi positivamente a participación da veciñanza de toda a comarca na manifestación.
A súa voceira, Pilar Fernández Álvarez, subliñou a importancia que ten a contestación social para opoñerse a unha proposta que suporía a "morte definitiva" dos ríos Oitavén e Verdugo e de toda a biodiversidade "que conforma este paraíso natural prácticamente virxe".