Pompas e Alianza y Barros estudan acudir á vía penal contra Antón Louro pola súa actuación cos crematorios

Pontevedra
29 de xullo 2013

Pompas Fúnebres Pontevedra S.L. e Alianza y Barros S.A. acaban de fundamentar ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a súa demanda contra o acordo municipal do pasado mes de novembro que suspendeu a tramitación de licenzas para instalación de crematorios durante o prazo dun ano

Reunión de Antón Louro cos colectivos veciñais  afectados polos crematorios
Reunión de Antón Louro cos colectivos veciñais afectados polos crematorios /

Pompas Fúnebres Pontevedra S.L. e Alianza y Barros S.A. acaban de fundamentar ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a súa demanda contra o acordo municipal do pasado mes de novembro que suspendeu a tramitación de licenzas para instalación de crematorios durante o prazo dun ano.

O escrito susténtase sobre dous argumentos principais: por unha banda, "a idoneidade do proxecto de tanatorio-crematorio impulsado por estas dúas empresas no casco urbano de Pontevedra, tanto desde un punto de vista urbanístico como funcional", e por outra, "o premeditado deseño de todo o proceso administrativo para que unha soa sociedade, Funespaña, se faga co monopolio do sector na cidade".

As dúas compañías manteñen abertos todos os camiños legais posibles para frear a iniciativa do concelleiro Antón Louro a favor de Funespaña e contra o libre e igualitario exercicio da actividade empresarial polo que teñen que velar os responsables públicos, e nese sentido, entre as operacións en marcha ou en estudo, manteñen en mans de Deloitte Abogados a posibilidade de recorrer non só pola vía administrativa, senón tamén pola vía penal.

Na súa demanda ante o TSXG, Pompas e Alianza volven relacionar os distintos informes urbanísticos "que avalan a legalidade do seu proxecto urbano", din, ademais de incidir na opinión de técnicos municipais e da Xunta nese mesmo sentido. Esta argumentación ven apoiada tamén pola transcrición do contido dunha reunión con Louro Goyanes e membros do seu equipo na que o director xeral de Urbanismo "deixou clara expresamente a viabilidade normativa da iniciativa empresarial".

As funerarias evidencian que o acordo do pleno para suspender as licenzas para crematorio por un ano foi "unha regulación limitativa e intervencionista da actividade, baixo unha presunta operación de reordenación urbanística, para crear en realidade unha situación de privilexio e absolutamente inxustificada a favor dunha das empresas, en concreto, de Funespaña".

Neste sentido, entre outras moitas cuestións, chaman a atención sobre o anteproxecto da modificación do PXOM para regular o uso de crematorio que se coñeceu en maio pasado e que, ademais de prohibir esa actividade en varios tipos de solos á marxe do proxecto de Funespaña, rebaixaba a 50 metros a distancia establecida dos fornos fronte a solos de uso residencial, "iniciativa claramente dirixida a beneficiar a esta compañía interesada no establecemento do devandito monopolio", sosteñen.

Tras lembrar que un xulgado do Contencioso Administrativo de Pontevedra rexeitou no seu día a medida cautelar de suspensión do acordo plenario solicitada por Pompas Fúnebres e Alianza y Barros, "declarándose ao mesmo tempo de xeito sorprendente incompetente para resolver sobre o fondo do asunto", as dúas compañías sustentan de "xeito meticuloso" a súa demanda con numerosos argumentos.

Entre outras cuestións, alegan que "non se acreditou o suposto interese público da medida adoptada polo pleno ", por exemplo "pola incongruencia de limitar a alarma social a uns determinados tipos de solo e por excluír finalmente a un proxecto que tamén ten rexeite veciñal". Ademais, sosteñen que o acordo impugnado incorre en vicio ou desviación de poder "posto que non se pretende unha ordenación urbanística senón regular una actividade hoxe liberalizada para montar un monopolio".