Polémica pola petición do PP de acudir á Xunta Local de Seguridade: "É un órgano de carácter técnico, non político"

Pontevedra
22 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Rafa Domínguez, lamentou que non lles deixaron participar "a pesar de ser o partido con maior representación no Concello de Pontevedra". Na súa opinión, "é unha pena e é unha falta de democracia tanto do alcalde como do subdelegado do Goberno"

Abel Losada, Eva Vilaverde e Miguel Anxo Fernández Lores, na reunión da Xunta Local de Seguridade Mónica Patxot

A Xunta Local de Seguridade de Pontevedra celebrada este venres estivo cargada de polémica, non só polo eixo central da reunión, as denuncia por inseguridade en distintas zonas da cidade, senón pola propia celebración da reunión. E é que o PP pedira acudir e o Concello negoulle a posibilidade

Tras a reunión, o PP convocou unha comparecencia pública para criticar esta negativa, pois xa no ano 2021 pediran acudir e nos últimos días reiteraron a súa petición para participar "polo menos como oíntes".

O seu portavoz, Rafa Domínguez, lamentou que non lles deixaron participar "a pesar de ser o partido con maior representación no Concello de Pontevedra". Na súa opinión, "é unha pena e é unha falta de democracia tanto do alcalde como do subdelegado do Goberno".

Os dous aludidos respondéronlle na comparecencia posterior á reunión. O subdelegado o Goberno en Pontevedra, Abel Losada,  foi moi contundente ao lembrar ao PP que "isto é un órgano de carácter técnico entre o Goberno local e o Goberno de España, non é un órgano de debate político". Para realizar a actividade política, está o Pleno municipal.

Losada atribúe esta petición de Domínguez a unha "estratexia filoVox desokupa" do PP e dixo aos 'populares' que "no caso de que teñan problemas de comprensión lectora" pode facilitarlle o Diario Oficial no que se recolle quen convoca e quen asiste a este tipo de reunións. 

Pola súa banda, Lores engade que "o Partido Popular sabe perfectamente que está a pedir algo que non é posible nin desexable" e lémbralle que "non existe ningunha Xunta Local de Seguridade, goberne quen goberne" na que estea presente a oposición.

"En ningunha Xunta Local de Seguridade está a oposición presente", insistiu Lores. Na súa opinión, "isto é unha forma de leala, que é unha das cousas que lle gusta ao Partido Popular"

O Partido Popular fixo público o escrito oficial polo que o Concello rexeita a súa participación. Nel, o Concello explica que a reunión foi convocada en data do 14 de marzo deste ano segundo as formalidades e requisitos establecidos na normativa, polo que,  dado que a petición se fixo do día 20, máis tarde, "non resulta posible alterar a convocatoria xa realizada coa incorporación de novas persoas asistentes".

A comunicación, con todo, indica que se traslada a solicitude á Dirección Xeral de Protección Cidadá para que se emita informe sobre a posibilidade de que as persoas que non forman parte da Xunta Local de Seguridade poidan asistir, "o que se terá en conta para vindeiras sesión que se celebren".

RECOLLIDA DE SINATURAS

Rafa Domínguez criticou ao goberno local unha "banalización dos problemas que din que hai" ao afirmar que hai unha "sensación dun incremento dos delitos", pois "non é unha sensación, hai un incremento dos delitos, hai unha maior preocupación e iso está a redundar nun problema grave de seguridade cidadá con agresións reiteradas a persoas".

O líder do PP regresou este venres aos negocios das galerías Oliva onde xa estivo o xoves e anunciou que o PP poñerá en marcha unha campaña de recollida de firmas e, para mellorar a seguridade, solicitará que se aplique a ordenanza municipal de 2008, que prohibe o consumo de alcol e drogas na vía pública.

Domínguez tamén anunciou que propoñerá un estudo para modificar a ordenanza por un regulamento que garanta a seguridade.

En nome do PSOE, este venres falou a concelleira Yoya Blanco, que sinalou a súa "preocupación evidente" por unha situación que se produce desde hai meses. Lembrou que o Partido Socialista liderou a procura de solucións a esta situación cunha moción presentada en Pleno e aprobada por unanimidade facéndose eco das denuncias dos veciños de Augusto García Sánchez e a contorna da praza de Galicia.

Do mesmo xeito que sostivo Lores durante a súa comparecencia posterior á Xunta Local de Seguridade, Yoya Blanco sinalou que se trata dun "tema tremendamente preocupante" e "un tema que hai que ter sensibilidade" á hora de abordalo, pois afecta a persoas que viven na rúa e en risco de exclusión social.