O goberno municipal de Poio decidiu presentar un recurso contencioso administrativo contra Augas de Galicia para esixir nos tribunais que, tal e como figura no plan director de saneamento aprobado pola Xunta de Galicia, a administración autonómica constrúa a depuradora en Pampaído.
Esta decisión foi desvelada en rolda de prensa polos concelleiros de Facenda e Urbanismo, Xulio Barreiro e Gregorio Agís. Ambos explicaron que o Concello adopta esta decisión despois de que Augas de Galicia -administración competente nesta materia- non contestase aos continuos requirimentos que, desde Poio, realizáronse no último ano
O informe xurídico encargado por Poio entende que existen dúas cuestións " fundamentais" que avalan a postura do goberno municipal.
A principal sería o plan director de saneamento que, a estes efectos, "ten a mesma validez" que un plan urbanístico, segundo explicou Barreiro. Este documento segue vixente e determina que a depuradora que dará servizo a Poio debe situarse en Pampaído.
A iso suman que a lexislación vixente determina que as competencias en recollida, tratamento e verteduras de augas residuais corresponden á Xunta de Galicia e os concellos "non podemos decidir onde se colocan depuradoras", instalacións consideradas como de interese público.
A pesar desta situación de bloqueo, que dura xa máis de oito anos, o goberno municipal de Poio chegou a ofrecer varias alternativas para situar a depuradora e, segundo os edís de BNG e PSdeG-PSOE, a Augas de Galicia "ningunha lles valeu".
Durante este tempo, lamentou Xulio Barreiro, o Concello de Poio "tivo que aguantar un chaparrón que non nos correspondía" e todo para que a Xunta puidera "gañar tempo" e non executar a obra.
Agora, entenden que a "única alternativa" que lles deixa esta situación é acudir aos tribunais para que a Xunta execute a depuradora prevista en Pampaído e "acabar con esta indefinición" que, recoñeceu, está a causar un "dano ecolóxico moi importante" á ría.
"É unha barbaridade o que estamos facendo en Raxó", dixo o edil de Facenda, pero matizou que esta situación é un "grano" no problema global de saneamento da ría de Pontevedra, do que responsabilizan ao mal funcionamento da depuradora de Praceres.
Unha depuradora no fondo da ría, sinalou Gregorio Agís, é un "despropósito" se non existe un emisario submarino "que saque todo fóra da ría". Actualmente, denunciou, as augas residuais de Pontevedra, Marín, Vilaboa e parte de Poio saen "a caño libre" por esa EDAR "e nos din que o gran problema son os 2.000 veciños de Raxó e Samieira".
Poio, reiterou o edil socialista, esixirá ante os tribunais "que se cumpra a lei" e se aborde un proxecto que xa está "determinado". A pesar diso, o goberno municipal non descarta unha solución alternativa: redimensionar a depuradora de Praceres e, dentro da anunciada ampliación e modernización, que esta asuma tamén o saneamento de Raxó e Samieira.
Para iso, explicou, habería que "invertir" o sistema de saneamento do municipio e resolver cuestións "puntuais" coas pendentes dalgunhas zonas. Todo iso sería, segundo o goberno municipal "moito máis barato" que construír unha nova depuradora.