Poio esixirá nos tribunais que a Xunta constrúa a depuradora en Pampaído

Poio
04 de febreiro 2018

Paso á fronte do Concello de Poio con respecto á construción da depuradora. Tras a negativa da Xunta a varios dos terreos propostos polo goberno municipal, o bipartito volve centrarse na opción que, para eles, sempre foi prioritaria: Pampaído

Xosé Luís Martínez, Xulio Barreiro, Luciano Sobral, Chelo Besada e Gregorio Agís
Xosé Luís Martínez, Xulio Barreiro, Luciano Sobral, Chelo Besada e Gregorio Agís / PontevedraViva

Paso á fronte do Concello de Poio con respecto á construción da depuradora. Tras a negativa da Xunta a varios dos terreos propostos polo goberno municipal, o bipartito volve centrarse na opción que, para eles, sempre foi prioritaria: Pampaído.

A tenente alcalde, Chelo Besada, explicou que o goberno municipal está a ultimar unha "acción legal" para esixir nos tribunais que a Xunta constrúa alí a nova depuradora.

Un informe encargado a unha asesoría xurídica conclúe que, actualmente, segue en vigor o plan director que o goberno galego redactou na época de Fraga e que determina que, en base ao estudo dos técnicos da Xunta, a depuradora débese facer en Pampaído.

"Ese plan non está caducado", sinalou Besada, que apunta a que a Xunta tería que facer unha modificación sectorial para poder cambiar a localización prevista.

O goberno local trasladará este informe á Xunta para que "actúe" e constrúa alí unha depuradora coa que se pretende avanzar no saneamento completo da ría de Pontevedra.

Chelo Besada reitera que para Poio a "prioridade" é Pampaído "porque segue estando no plan director", polo que pediu á Xunta que "deixen de dar voltas" porque, desde o punto de vista técnico, esa é a opción "máis adecuada".

Ademais, lembrou que o bipartito PSdeG-PSOE e BNG que gobernou a Xunta, chegou a redactar un proxecto para executar a depuradora en Pampaído, tras encargar novos informes técnicos que concluíron, do mesmo xeito que os xa existentes, a idoneidade desta localización, xa que as tubaxes e colectores principais do municipio "están xa orientados a Raxó".

A responsable de Obras no goberno municipal lamenta que a Xunta "nos culpe de que somos os que contaminamos a ría" cando a actual depuradora de Praceres "non funciona" e o Concello ofertou varias opcións -as últimas, unha parcela detrás de Comiolsa e terreos comunais entre Samieira e Combarro- "e a todos dixéronnos que non".

Como plan B, propón Chelo Besada, estaría Praceres. A tenente alcalde lembra que todas as parroquias de Poio, salvo Samieira e Raxó, xa fan uso da depuradora pontevedresa. Agora que a Xunta, lembra, está " redimensionando" o proxecto para atender a unha poboación duns 150.000 habitantes poderíanse incluír esas dúas zonas.

"Só habería que reverter as tubaxes e sairía moito máis barato que construír unha nova", entende Besada, que cifra en "4 ou 5 millóns" o custo desta actuación.