Ambos a necesitan pero ningún a quere. Os gobernos locais de Poio e Sanxenxo manteñen viva a polémica sobre a ubicación da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR).
Nas últimas horas o alcalde de Poio, Luciano Sobral (BNG), mantivo unha reunión con dez colectivos do municipio que lle reclamaron que axilice os trámites para propoñer un terreo adecuado para a construción da depuradora e que este proxecto se poida levar a cabo canto antes, para completar o saneamento de Raxó.
Luciano Sobral insiste en que a estación depuradora debe construírse na zona de Pampaído, na parroquia de Dorrón, no Concello de Sanxenxo, tal e como contemplaba o proxecto inicial de Augas de Galicia, que posteriormente foi descartado por razóns técnicas.
Pola súa banda, o Executivo sanxenxino esixiu de novo ao alcalde de Poio que sexa responsable das súas propias verteduras e "asuma as súas responsabilidades e deixe dunha vez por todas de derivar os problemas dos seus veciños aos concellos limítrofes".
Desde Sanxenxo propúxose unha alternativa que tamén foi descartada pola Xunta por "motivos económicos".
Con todo, denuncian que o Concello de Poio "non só non presentou proposta algunha senón que elude as súas obrigas defendendo que a depuradora que dará servizo maioritariamente aos seus veciños debe estar en Sanxenxo", algo que o Executivo deste último municipio ten claro que non vai permitir. "Non consentiremos que tenten cargar os seus problemas aos veciños de Dorrón", afirmaron.
Do mesmo xeito que xa fixo no ano 2012, o goberno local sanxenxino pediu a todos os colectivos implicados na xestión e explotación da ría que reclamen ao Concello de Poio que resolva a situación que xera fundamentalmente ese municipio e "do que está eludindo a súa responsabilidade dende hai vinte anos".