O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico subscribiu cos concellos de Poio e Sanxenxo o convenio para a execución e explotación de actuacións de saneamento e depuración en ambos os municipios cun investimento previsto de 19,3 millóns de euros.
O acordo foi asinado este xoves pola directora xeral da sociedade mercantil estatal Aguas de las Cuencas de España (Acuaes), María Rosa Cobo, e os alcaldes de Poio e Sanxenxo, Luciano Sobral e Telmo Martín, respectivamente, nun acto moi cordial e distendido celebrado de maneira telemática.
O secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, actuou de anfitrión neste acto que tamén contou coa participación da subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba.
Como "día histórico " chegou a cualificar Luciano Sobral esta firma dun convenio que permite avanzar no desenvolvemento dunhas infraestruturas moi demandadas pola urxente necesidade de eliminar as verteduras que existen actualmente e protexer esta zona da marxe dereita da ría de Pontevedra.
O conxunto de proxectos que comprende a actuación desenvolverase en dúas fases.
Inicialmente construirase a estación de bombeo e impulsión de Raxó e procederase á remodelación dos colectores que permitirán conectar a estación de bombeo coa nova depuradora de Paxariñas.
Tamén se executarán as obras dun novo emisario submarino en Montalvo que substituirá ao existente; dentro das remodelacións das estacións de bombeo, actuarase nas instalacións de Areas, Sanxenxo e Espiñeiro.
Na segunda fase procederase á remodelación do colector da Avenida de Madrid, en Sanxenxo, e á adecuación da estación de bombeo e impulsión de Laño, en Poio.
A actuación será cofinanciada nun 50% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER 2014-2020, o 40% do importe do investimento será anticipado por Acuaes e o resto mediante unha operación financeira, podendo os concellos realizar achegas anticipadas durante a construción das obras.
O financiamento adiantado por Acuaes e a operación financeira deberá ser recuperada dos concellos mediante tarifas durante un período máximo de 25 anos a contar desde o inicio da explotación.