Poio constituirá un grupo de traballo para construír a futura depuradora

Poio
20 de novembro 2014

A casa consistorial de Poio acolleu este xoves unha concorrida reunión que sentou en torno a unha mesa ao goberno local e unha representación dos veciños, as confrarías da ría, as comunidades de montes e membros da Plataforma NON! á Depuradora en Samieira

Raxó no Concello de Poio
Raxó no Concello de Poio /

A casa consistorial de Poio acolleu este xoves unha concorrida reunión que sentou en torno a unha mesa ao goberno local e unha representación dos veciños, as confrarías da ría, as comunidades de montes e membros da Plataforma NON! á Depuradora en Samieira.

Presidiu o encontro o alcalde, Luciano Sobral, que valorou positivamente esta primeira cita da que nacerá un equipo de traballo reducido que se encargará de elaborar unha proposta de depuradora para trasladar á Xunta. Para iso incluirase neste grupo a unha persoa experta en cuestións ambientais e de depuración para que asesore sobre as cuestións técnicas.

Luciano Sobral explicou que para o concello "a mellor situación para EDAR é canto máis alonxado estea do fondo da ría". De novo, o alcalde defendeu o proxecto orixinal ante dos veciños, "non é por capricho, entendemos que tecnicamente é o máis beneficioso".

No trascurso da reunión formuláronse outras opcións, entre elas a máis comentada foi a presentada polo secretario da confraría de Raxó, Marcos Ruibal, que asegurou que na reunión mantida coa alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, propuxo que se a Xunta constrúe unha depuradora na zona de Montalvo comprometeríase a acoller as verteduras de Samieira e Raxó, sempre que o resto de Poio construíse unha Edar na zona da Seca que aliviara a de Os Praceres. Esa depuradora de Montalvo solucionaría un futuro crecemento urbanístico de toda esta zona.

Luciano Sobral afirmou descoñecer esta proposta revelada pola confraría de Raxó, pero recordou que o proxecto de construción dunha Edar na Seca "xa foi descartado hai moito tempo pola Xunta por ser a Seca unha zona moi plana que podería ser unha mala situación para o marisqueo".

Na reunión deste mércores Luciano Sobral detallou o contido da reunión con Augas de Galicia na que recoñeceron que "non hai razóns técnicas que descarten Pampaído, para nada, é unha decisión política", apuntou.

"Eu entendo que en Sanxenxo o Pleno se opuxo co apoio de todos os grupos e tamén hai oposición nos veciños de Dorrón, o mesmo que hai aquí con veciños do Laño, pero tecnicamente non hai nada que diga que alí non podía ser, é mais, é a situación que ten sentido", e recordou Sobral que todos os colectores secundarios están feitos con esa vertente porque era onde estaba deseñada a depuradora dende un principio polo que sería tamén a opción máis económica.