Plan de Tráfico en Combarro para garantir prazas para residentes na zona durante a Semana Santa

Poio
09 de abril 2022

 Habilitaranse 30 prazas nas rúas Maceira e Baixada á Chousa, ás que se suman outros 20 aparcadoiros, tamén de uso exclusivo para residentes, que se crearán nunha parcela situada nas inmediacións da Avenida da Costa. A duración máxima de estacionamento será de 24 horas, para garantir a rotación durante as vindeiras datas festivas

Visitantes na praia de Combarro
Visitantes na praia de Combarro / Concello de Poio

O Concello de Poio establece un plan de tráfico específico para a zona de Combarro ante as visitas turísticas que se prevén durante a Semana Santa. Marga Caldas, concelleira de Seguridad  Cidadá, explicaba este venres que se trata dunha intervención para garantir prazas de estacionamento para aquelas persoas que residen nas proximidades.

Están a acondicionarse durante estes días 20 prazas de nova creación nunha parcela situada nas proximidades á Avenida da Costa, preto da PO-308, a vía que cruza Poio unindo Pontevedra e Sanxenxo. A esta zona poderase acceder pola Costa de Abaixo. Este terreo quedará ao dispor da cidadanía de forma permanente. Poderá utilizarse en canto as condicións meteorolóxicas permitan que finalicen os traballos de acondicionamento, segundo informan desde o goberno local. 

Outras 30 prazas para residentes crearanse a partir do próximo martes 12 de abril e ata que finalice a Semana Santa nas rúas Maceira e Baixada á Chousa. 

O estacionamento será dun máximo de 24 horas. Con esta medida, o goberno de Poio quere que se garanta a rotación dos vehículos para que as prazas poidan ser aproveitadas por un maior número de usuarios. Non será necesaria tarxeta de residente, pero a Policía Local manterase atenta vixiando as matrículas dos turismos. As prazas para servizos manteranse nas dúas rúas. 

Todas as persoas residentes en Combarro con automóbil rexistrado noutro lugar, ou que se atopen empadroadas noutra zona, estarán exentas de sanción sempre que acrediten con documentación, como facturas de servizos, que son residentes en Combarro. 

Este plan de tráfico para os próximos días inclúe lugares para estacionamento temporal de autobuses, que poderán aparcar na zona próxima ao porto e en dous espazos da PO-308. A proposta busca garantir máis prazas para o aparcamento de turismos nas zonas próximas ao porto.

Nas inmediacións ao CEIP Chancelas só poderán estacionar turismos, coa idea de evitar posibles masificacións pola presenza de autocaravanas, segundo informa a concelleira responsable.

Marga Caldas explicou que as medidas só adóptanse durante a Semana Santa. Engadiu que o Concello se mantén á espera de que Portos de Galicia autorice o proxecto no Paseo das Redeiras, co traslado do parque infantil, para dotar con 25 prazas de aparcamento a esta zona. 

Cando finalice a Semana Santa acondicionaranse tamén en Cela e en Pinela outras parcelas de aparcamento, á espera de que se tramiten todos os informes sectoriais.