Pilar Rojo pregunta no Senado pola adscrición ao Porto de Marín dos terreos que ocupa Ence

Pontevedra
02 de decembro 2021

A senadora do Partido Popular rexistrou unha pregunta na Cámara Alta na que pide ao Goberno central que "diga, sen reviravoltas, se vai estudar a viabilidade" desa alternativa. Afirma que o peche da fábrica pasteira tería consecuencias "nefastas para o emprego e a economía da provincia"

Sesión plenaria do Senado
Sesión plenaria do Senado / Senado de España

Pilar Rojo, senadora do Partido Popular de Pontevedra, rexistraba nas últimas horas unha pregunta no Senado dirixida ao Goberno de Pedro Sánchez na que pide que "diga, sen reviravoltas, se vai estudar a viabilidade da adscrición dos terreos de Ence ao Porto de Marín". 

Lembra que a ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira, comprometeuse a ese estudo durante o encontro que mantivo en Madrid con Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia.

No escrito, a senadora popular tamén expón que existe un informe favorable e unánime do Consello Consultivo de Galicia, que avala a posibilidade de que os terreos poidan pasar a formar parte do espazo da Autoridade Portuaria e o Consello desta entidade, presidido por José Benito Suárez Costa, aprobou iniciar ese proceso de solicitude formal.

A última palabra neste tema corresponde ao Goberno central e, por este motivo, Pilar Rojo formula a pregunta na Cámara Alta. O grupo do PP tamén solicita acceso aos informes xurídicos aos que fixo referencia o Secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, sobre a imposibilidade de adscribir os terreos.

O PP de Pontevedra anunciou que realizará unha "ofensiva política" con mocións e preguntas para demandar que se aplique esta solución xurídica debido ás tres sentencias da Audiencia Nacional contrarias á prórroga concedida polo goberno en funcións de Mariano Rajoy en 2016 a Ence para permanecer na ría de Pontevedra, sentencias que para ser firmes están pendentes da resolución dos recursos presentados ante o Tribunal Supremo. Os populares tamén levaron mocións nos plenos do Concello de Pontevedra e na Deputación Provincial, ambas foron rexeitadas polos gobernos bipartitos de PSOE e BNG.

Na pregunta, Pilar Rojo tamén reclama información sobre se o Goberno está a buscar outras localizacións dentro da provincia para un posible traslado da factoría pasteira.

Arquivado en