A deputada nacional do Partido Popular, Pilar Rojo, recordou no Congreso dos Deputados que os veciños do tramo da autovía A-57, entre A Ermida (Marcón) e Pilarteiros (Xeve) continúan á espera de que o Goberno lles presente un trazado alternativo, dado que o que se incluía no proxecto inicial non convencía aos afectados polas expropiacións.
Pilar Rojo esixiu ao Goberno que aclare se vai cumprir cos veciños e vai presentar un trazado alternativo tal e como demandan, e tamén pediu explicacións sobre a situación na que se atopa actualmente o proxecto deste tramo de 5 quilómetros.
"Queremos saber cantas alternativas de trazado están previstas e tamén cal é a opinión do Ministerio de Fomento en relación a cada unha delas, tamén que pasos se van a seguir, se van a convocar aos veciños e que prazos teñen previstos para as diferentes fases de actuación", engadiu.
Ademais, tamén se preocupou polo grado de execución das obras do tramo Vilaboa-A Ermida, e pediu que aclaren cando está previsto que rematen.
Pilar Rojo lembra que existía un compromiso firme para presentar o trazado alternativo entre A Ermida e Pilarteiros antes da licitación pública das obras deste tramo da A-57 e incide en que nos orzamentos xerais do Estado para 2018 se reservaban partidas importantes para continuar coa execución das obras desta estrada.
Concretamente, aclara a deputada, prevíase unha dotación de 15,2 millóns de euros para executar as obras do tramo entre Vilaboa e A Ermida, "que esperamos conclúan antes de rematar o ano", así como 3 millóns de euros para licitar as obras do tramo A Ermida-Pilarteiros.