Pilar Rojo, senadora do PP, advirte de que o Goberno central non está a facer "absolutamente nada" para garantir o mantemento dos postos de traballo da fábrica de Ence en Pontevedra. A representante popular rexistrou varias preguntas no Senado para aclarar a posición do Goberno de Pedro Sánchez sobre o traslado da factoría pasteira ou a adscrición dos terreos de Lourizán ao Porto de Marín para tentar garantir a permanencia da empresa na súa actual localización.
A senadora pontevedresa entende que as respostas "son claras e desvelan que o Goberno non está a tomar ningunha iniciativa". Afirma que existe unha falta de compromiso por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica para estudar a viabilidade da adscrición dos terreos que ocupa Ence ao Porto de Marín. Pilar Rojo indica que a ministra Teresa Ribeira comprometeuse a analizar esa alternativa durante o encontro que mantivo en Madrid con Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia. Desde o Ministerio recoñecen que non se solicitaron nin se dispón dese informe, alerta a senadora do PP.
Lembra que existe un informe favorable do Consello Consultivo de Galicia a esa operación, que levou á decisión do Consello da Autoridade Portuaria de aprobar o inicio do procedemento. Pilar Rojo teme que a decisión final, que depende do Goberno central, non se vai a estudar polo executivo "xa que para o Goberno esta proposta faise para tratar de evitar os pronunciamentos xudiciais, cando o obxectivo é evitar o desmantelamento industrial que afecta os sectores forestal e loxístico e garantir a continuidade dos empregos en Pontevedra", expón.
Tamén mostra a súa preocupación ao comprobar que o Goberno central non encargou á Universidade de Vigo un estudo sobre posibles localizacións alternativas para o traslado da pasteira, como anunciara en outubro. Para Rojo esta situación evidencia que "os postos de traballo de Ence non están na axenda nin na preocupación do Goberno nin do PSOE".
O futuro de Ence na ría pontevedresa está pendente da resolución dos recursos presentados ante o Tribunal Supremo despois das tres sentencias da Audiencia Nacional que anulaban a prórroga, concedida en 2016 polo goberno en funcións de Mariano Rajoy, para manter á empresa pasteira no seu actual emprazamento en Lourizán.
Desde a Subdelegación do Goberno desmentiron a afirmación da senadora popular aos representantes do comité de empresa da fábrica e afirman que o Ministerio de Transición Ecolóxica solicitou á Universidade de Vigo o estudo de terreos alternativos para a fábrica pasteira.