Piden non realizar máis cortes de tráfico na Canicouva polas obras da A-57 ata despois das súas festas

Pontevedra
23 de xullo 2022

O Concello de pontevedra trasladou a petición dos veciños, pedindo que se hai novos cortes prodúzanse a partir do 4 de agosto. Ademais demandou unha mellora das condicións de seguridade e accesibilidade na zona

A Canicouva
A Canicouva / PontevedraViva

O Concello de Pontevedra mantivo en datas recentes reunións con diferentes administracións e coa empresa de transportes que opera na zona en relación aos cortes de tráfico na estrada de acceso á Canicouva desde Figueirido, debido ás obras da autovía A-57.

Entre otroas cousas o goberno local trasladou a petición dos veciños de atrasar un posible novo corte ata despois das festas que se celebrarán na parroquia o día 3 de agosto.

Ademais o edil Raimundo González explicou que se lle comunicará tanto a Fomento como á Deputación que no tramo de estrada no que se actúe como consecuencia das obras da autovía, debe ofrecerse unha mellora nas condicións de seguridade e accesibilidade. "Pedimos que os carrís sexan de máis anchura, que haxa beiravías a ambos os dous lados da estrada e, ao mesmo tempo, sexan eliminadas algunhas das curvas que hai na estrada. En principio, e polo falado, todo isto é factíbel, o cal mellorará de maneira substancial a seguridade viaria", sinalou.

"Había certa inquietude na veciñanza e por iso actuamos, por iso falamos. Agardemos que o corte da estrada dure o menos posíbel e cause o menor número de molestias", explicou o concelleiro.

Por último Raimundo González referiuse á supresión de liñas de autobús debido aos cortes previos de estrada. "O que se lle transmitiu a Transportes no seu día foi que de cortar o paso pola estrada, este feito non pode afectar aos autobuses e se lle debe procurar unha alternativa. Ese compromiso, o de manter o maior número de expedicións, aínda cun percorrido algo máis longo, está acordado".

Arquivado en