O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, mostrou a súa satisfacción polo impulso que a ministra de Fomento deu ao proxecto de Circunvalación de Pontevedra. Trátase da publicación no BOE da convocatoria das actas previas para a expropiación dos terreos necesarios para a primeira fase desta actuación incluída na A-57, que se corresponde co tramo Vilaboa - A Ermida.
Precisamente este tramo unirá a N-550 coa PO-532 Pontevedra - Ponte Caldelas, onde se contempla un enlace da circunvalación con esta estrada, enlace que se situará a escasos dous quilómetros do área empresarial que forman os polígonos industriais da Reigosa e O Campiño. En concreto esta nova glorieta de enlace coa circunvalación situarase na zona na que se inicia o carril lento cara á Reigosa.
Para Perfecto Rodríguez, esta nova infraestructura mellorará de xeito notable as comunicacións entre esta zona industrial co resto da provincia, tanto cara ao sur coa N-550 cara a Vigo, como cara ao norte cando a circunvalación se complete ata o nó de Curro.
As comunicacións do Parque Empresarial da Reigosa, ampliación do polígono de O Campiño cara a terreos do municipio de Ponte Caldelas, xa se viron melloradas coa reforma do nó do Pino e co desdobramento do treito O Pino - O Marco, "que fixo posible que este parque empresarial estea mellor conectado xa coa AP-9, e a unha distancia de apenas 15 minutos co Porto de Marín", sinala o rexedor.
Perfecto Rodríguez entende que esta área que forman os polígonos da Reigosa e O Campiño suma máis de 1 millón de metros cadrados de chan empresarial o que o converten na zona industrial máis importante da comarca con chan xa urbanizado e dispoñible. "A A-57 o circunvalación de Pontevedra sen dúbida mellorará as comunicacións e prestacións deste parque", sinala.
Precisamente, a principios deste ano o alcalde reuniuse co presidente do Porto de Marín para promocionar este parque empresarial, "por ser nestes momentos e a curto e medio prazo, o polígono industrial con chan dispoñible na comarca máis próximo ao porto e que pode albergar empresas vinculadas ao mesmo".