Sanxenxo reforzará as súas medidas para reducir o consumo de auga co peche da piscina municipal e coa supresión de regas nos campos de fútbol coas que se prevé un aforro medio diario de 23 metros cúbicos.
Nun comunicado o goberno local lamenta os inconvenientes que poida provocar a decisión entre os usuarios das instalacións municipais, pero considera que "son necesarias para seguir garantindo o abastecemento nas próximas semanas e evitar restricións de subministración a vivendas e negocios".
Cabe lembrar que Sanxenxo chega a multiplicar por seis a súa poboación durante os meses de xullo e agosto polo que é preciso, "agora máis que nunca", promover medidas de aforro no consumo de auga tanto no ámbito público como privado.
Trátase de medidas "temporais" pola situación de prealerta por seca que se levantarán en canto mellore a situación do caudal do Lérez. A piscina municipal ten un consumo medio diario de 15 metros cúbicos, entre as duchas, os baldeos de limpeza e a renovación dos dous vasos de piscina e as dúas hidromasaxes. O ximnasio seguirá aberto, pero non se poderán utilizar as duchas.
No caso das regas dos campos de fútbol, tanto o de San Pedro de Vilalonga como o de Portonovo contan con servizos particulares de subministración para a rega de céspede natural. No resto dos 4 campos municipais de céspede artificial, as regas suspenderanse durante o período que dure a restrición, salvo situacións excepcionais. Nestes momentos, tan só un equipo de fútbol está a adestrar no campo da Lanzada e xa non se está empregando a rega. O consumo de auga en cada rega dun campo de fútbol é de aproximadamente 2 metros cúbicos.
Estas medidas que entrarán en vigor a partir do mércores súmanse ás xa publicadas no bando municipal hai dúas semanas, que segue en vigor, nas que se solicitaba á poboación un uso responsable da auga da traída municipal, anunciábase o corte de auga en lavapiés de praias, limitábanse os baldeos das rúas e a rega de zonas verdes á auga recollida no alxibe de Fontoira e restrinxíanse os recheos de piscinas, así como lavados de coches.