Un ano despois de iniciar os trámites -coa presentación da correspondente oferta-, o Concello de Pontevedra e a Comunidade de Montes da Canicouva subscribiron este xoves o contrato de aluguer dos terreos nos que o goberno municipal pretende instalar a planta de compostaxe. "Mantemos o horizonte de 2017 para que entre en funcionamento", asegurou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, tras a firma do acordo.
En virtude deste convenio, polo cal A Canicouva cede dez hectáreas de propiedade mancomunada por trinta anos, a comunidade de montes recibirá un canon anual de 2.000 euros por hectárea, ao que hai que sumar unha renda variable de 0,40 euros por tonelada procesada. Estas cantidades serán actualizadas cada ano co IPC correspondente e no caso de que este sexa negativo, manterase o canon do ano anterior.
Ademais, o Concello comprométese a asumir os traballos de silvicultura noutras quince hectáreas de monte comunal.
Todo este diñeiro que recibirá A Canicouva grazas a este acordo terán que destinalo obrigatoriamente á mellora do monte da parroquia ou ao investimento en obras e servizos que sexan de interese xeral para toda a comunidade de veciños propietarios. Exclúese a posibilidade de que se poida repartir entre os comuneiros.
"É un caso único, unha comunidade de montes que voluntariamente cede os terreos para construír unha planta de compostaxe", destacou o alcalde, que agradeceu publicamente a "sensibilidade ambiental" demostrada por estes comuneiros. A firma deste contrato é, dixo, un "paso fundamental" para construír a nova planta de tratamento de residuos orgánicos que converterá á cidade nun "referente" nesta materia.
Pola súa banda, o portavoz dos comuneiros da Canicouva, José Carlos Portela, mostrou a súa satisfacción pola firma deste convenio, xa que afirmou que "apostamos por darlle unha rendibilidade ao monte" e que este acordo co Concello "é bo para a parroquia". Neste sentido, apuntou que se trata dun paso "moi estudado" e celebrou que as negociacións entre ambas as partes chegasen "a bo porto".
DETALLES SEN CONCRETAR
Por agora, recoñeceu o alcalde, só existe un estudo de viabilidade "moi xenérico" realizado pola Deputación de Pontevedra que avala a rendibilidade da planta que se proxecta na Canicouva. Unha vez se definan as características do proxecto e se saiban as "necesidades" -entre elas a tecnoloxía que se vaia a empregar, as toneladas que se tratarán ou o tipo de tratamento que se vai a facer-, encargaranse novos informes "máis específicos".
Ademais, Fernández Lores explicou que todo este proceso require da "colaboración exquisita" dos pontevedreses porque a correcta separación dos residuos orgánicos para que o compost que se produza "sexa rendible". Por iso, o Concello ademais de analizar cal será a mellor opción para a recollida e o novo sistema de colectores que se vaia aplicar, tamén poñerá en marcha campañas de sensibilización e concienciación social.
A Deputación, avanzou o rexedor da capital "vai a participar dalgunha maneira" na construción e xestión da planta. Coa administración provincial da man, o Concello anunciou que se poñerán en marcha xa nos próximos meses unha serie de composteros comunitarios, non só nas parroquias do rural, senón tamén en barrios urbanos como Eduardo Pondal e Monte Porreiro.