O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, asegurou este venres que a provincia ven de dar un "paso adiante irreversible" na súa concienciación para aplicar sistemas de compostaxe no tratamento do lixo. O nacionalista explicou que a viaxe a Navarra foi un éxito, xa que se converteu no xerme da concienciación dos concellos participantes para desenvolver políticas de xestión de residuos máis beneficiosas tanto económica como medioambientalmente.
Mosquera lembrou que foron 45 os alcaldes, concelleiros e técnicos que coñeceron in situ a aplicación de composteiros individuais, comunitarios e plantas de grandes dimensión e que son moitos os que queren levar adiante proxectos de forma inminente. "Isto non ten volta atrás. É un paso irreversible no camiño de que a provincia sexa referente no tratamento de residuos en Galicia. Dende a Deputación seguiremos en paso firme e decidido para apoiar a estes concellos e incluso aceleraremos a marcha se é preciso", comprometeuse.
"Con firmeza e determinación seguiremos dando pasos positivos de colaboración e apoio aos concellos -insistiu Mosquera-, xa que estes son os que teñen que tomar a iniciativa. A súa implicación é fundamental e agora é o momento de xestionar as expectativas ", dixo.
De feito, aqueles municipios que queiran aplicar a compostaxe como tratamento de lixo este ano co asesoramento da Deputación deberán presentar proxectos de intervención que serán valorados polos técnicos provinciais. O organismo provincial facilitará asesoramento, formación aos mestres composteiros, recursos para fomentar o coñecemento e a sensibilización da cidadanía, así como fondos económicos para a posta en marcha do sistema.
Mosquera anunciou a aprobación dunha modificación de crédito que estaría en marcha o vindeiro mes para poñer en marcha os primeiros proxectos de compostaxe na provincia. Puntualizou, sen embargo, que "non vai haber un reparto de fondos con alegría", xa que "nós estamos dispostos a colaborar de tódolos xeitos, incluso a contratar e xestionar proxectos, pero non a suplir aos gobernos locais".
O apoio económico, de feito, foi supeditado polo vicepresidente á implicación de cada concello, que deberá ser o que faga a proposta de qué tipo de composteiros quere aplicar, cal será a súa ubicación, quen se fará cargo da súa xestión e outros parámetros.