- "Mira, un parruliño".
- "Si, achegádevos todos, é unha femia do pato ou parrulo".
- "Aquí estamos nunha carballeira, un luxo no medio de Pontevedra".
- "Que ben sona ese paxaro!".
Sergio, Carlos, Maika, Esteban, Julio, Rosa, Antonio, Miguel, Mari, Diego e Rosa Meis son xa once novos namorados do río Gafos. A diario pasan varias horas a apenas uns metros da rúa Alcalde Hevia, onde empeza o tramo descuberto e urbano do río, pero non teñen oportunidade de coñecer todas as posibilidades que ofrece. Este venres achegáronse a todos os seus segredos da man dun cicerone de luxo, o presidente de Vaipolorío, Gonzalo Sancho.
Os novos 'fans' do Gafos son once persoas con parálise cerebral usuarias do centro de día da asociación Amencer-Aspace na rúa Igrexas Vilarelle de Campolongo e realizaron un percorrido guiado polo tramo urbano do Gafos ata a estación de autobuses acompañados por outros tantos traballadores e voluntarios da entidade social.
Gonzalo Sancho deulles a coñecer especies de fauna e flora que moitos pontevedreses descoñecen a pesar de estar en pleno corazón da cidade, pero, sobre todo, levoulles de paseo coa "idea principal de que disfruten do entorno". Elixiu a zona urbana entre Alcalde Hevia e a estación pola súa accesibilidade, pois ten pistas e camiños de madeira que facilitan o seu uso para persoas con discapacidade intelectual que, na súa maior parte, se moven en cadeira de rodas ou teñen dificultades para camiñar.
Entre outros segredos do Gafos, o presidente de Vaipolorío presentoulles un paxaro "pouco vistoso, que é moito das espesuras e sona moi ben". Trátase do Reiseñor bastardo, unha especie de ave que se dá especialmente nesa zona urbana.
A deste venres era a primeira saída guiada de persoas usuarias de Amencer con Vaipolorío, pero o bo resultado desta xa fai pensar en protocolizar as relacións tal e como están con outros colectivos de Pontevedra.