Os veciños, segundo o Concello, son os "grandes prexudicados" da sentenza dos crematorios

Pontevedra
23 de novembro 2017
Actualizado: 14:16

Tanto o Concello como os veciños, lamentan, quedan sen "ferramentas" para loitar contra a instalación de crematorios no municipio, por iso é polo que entenden que esta sentenza non debería ser "excesivamente celebrada" por ninguén. Deixa a Pontevedra nunha situación "peor" que ao principio

Anabel Gulías, concelleira de Promoción económica
Anabel Gulías, concelleira de Promoción económica / Mónica Patxot

A sentenza do TSXG que anula a modificación do PXOM aprobada para frear a instalación de crematorios na cidade é, segundo o goberno municipal, un "problema" para toda Pontevedra e os "grandes prexudicados" son os veciños. Así o destacou a concelleira de Urbanismo, Anabel Gulías, que analizou este xoves o fallo xudicial.

Tanto o Concello como os veciños, lamentou Gulías, quedan sen "ferramentas" para loitar contra a instalación de crematorios en calquera sitio do municipio, por iso é polo que entenda que esta sentenza non debería ser "excesivamente celebrada" por ninguén, xa que deixa a Pontevedra nunha situación "peor" que ao principio de todo este proceso.

A edil do BNG lembrou que, en 2014, había ata cinco crematorios en marcha. "Era desorbitado", engadiu. A lexislación que estaba en vigor era de ámbito autonómico e o goberno municipal entendía que era "insuficiente", polo que se optou por modificar o PXOM para establecer uns criterios "máis restritivos".

Coa anulación deste trámite, todos os proxectos que se presentaron no seu día volven ter vía libre para construír os crematorios que impulsaban. Dos cinco que había, ao Concello cónstalle que seguen tramitándose dous: un en San Amaro e outro na antiga parcela do ximnasio Teucro, en Arcebispo Malvar.

O primeiro, dependente de Funespaña, "está en trámites coa Xunta", segundo Anabel Gulías, para lograr a autorización ambiental; mentres que o segundo, impulsado por Alianza y Barros e Pompas Fúnebres -aínda que polo momento só como tanatorio-, está pendente de informe de Patrimonio, tras a aparición de restos arqueolóxicos durante as escavacións da parcela.

Este último, sinalou a responsable de Urbanismo, é "o que máis nos preocupa", xa que se a modificación do PXOM é anulada non tería "máis impedimento" que a lexislación da Xunta nesta materia.

A XUNTA EXIMIU DE INFORME AMBIENTAL

A sentenza basea o seu fallo en que a modificación puntual do PXOM aprobada por Pontevedra non contaba co preceptivo informe ambiental, sen entrar en máis consideracións. O Concello lembra que, no seu día, preguntou ao goberno galego se facía falta este estudo ambiental e a Xunta dixo que, para este trámite, " non era necesario facelo".

Ademais, Anabel Gulías asegura que existe un "agravante a maiores". A suspensión de licenzas para a instalación de crematorios caducou en marzo de 2015 e, segundo a lei vixente, non se podería pedir unha nova suspensión ata dentro de catro anos, é dicir, en 2019.

En todo caso, os servizos xurídicos están a examinar a sentenza, contra a que se pode interpoñer recurso ante o propio TSXG ou o Tribunal Supremo no prazo de 30 días. No Concello "estamos por recorrer", pero Gulías explicou que "nos gustaría saber a opinión dos veciños", unha vez coñezan o contido íntegro do fallo e as súas consecuencias.

O PP CULPA AO CONCELLO

Para os populares, a xestión "desastrosa" do goberno municipal está detrás de esta sentenza. Aseguran que este asunto podía terse evitado coa aprobación dun novo PXOM e que, a solución aplicada, era un "engano máis" do BNG aos veciños de Pontevedra.

"A modificación puntual foi un parche, non unha solución definitiva e por iso estamos agora nesta situación", lamenta Jacobo Moreira, que instou ao goberno de Lores a "deixar de negar o evidente" e comprender que Pontevedra precisa dun novo planeamento urbanístico.