Un grupo de máis de cincuenta veciños da parroquia de Xustáns en Ponte Caldelas acudiu á reunión convocada polo portavoz socialista neste concello, Andrés Díaz, durante o domingo 18 para analizar as consecuencias que poderían derivarse da instalación dunha planta de compostaxe na Canicouva como pretenden o BNG de Pontevedra e a Deputación provincial.
Os veciños apoiaron a posibilidade de constituír unha plataforma que inclúe a todas as parroquias que se poidan ver afectadas polo proxecto para establecer unha "fronte común" e realizar accións de protesta conxuntas.
O portavoz do PSOE indicou que a creación da planta levaría consigo problemas de olores e verteduras na zona ao acoller ao redor de 30.000 toneladas de lixo ao ano.
Á reunión asistiu o presidente da asociación de veciños Heroes de Ponte Sampaio, Ramón Agulla, que espera que se sigan sumando apoios a este movemento contrario á instalación e agarda que en Vilaboa e en Soutomaior tamén se opoñan ao proxecto previsto no ámbito da Fracha.
Os veciños de Xustáns quedaron en organizarse unha vez que manteñan reunións con representantes de diferentes colectivos e decidan tomar decisións en relación con esta proposta.