Os integrantes da Plataforma Non Á Ampliación da Depuradora dos Praceres aplauden que o Concello de Pontevedra finalmente se teña posicionado en contra da ampliación deste equipamento e lle dean a razón aos veciños e piden que agora o seguinte paso sexa manter unha reunión con eles, como as que están a manter con outros partidos políticos.
Os veciños cren necesaria unha entrevista e sinalan que xa tiveron resposta doutros partidos políticos, pero non do BNG. Nese encontro queren que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, lles explique que accións concretas vai levar a cabo o Concello, máis alá das declaracións, para evitar que a proposta de Augas de Galicia siga adiante.
Ademais, esperan que o BNG apoie unha moción conxunta para que sexa aprobada no pleno por todos os partidos políticos con representación na Corporación municipal. Nas reunións celebradas ata o momento esta proposta veciñal está a ser recibida positivamente.
Ao respecto, cabe reseñar que a concelleira de Cidadáns, María Rey, fixo público este mércores o seu apoio aos veciños que se opoñen á ampliación da depuradora.
María Rey e o coordinador provincial do partido, Gregorio Revenga, tiveron unha reunión con portavoces veciñais da parroquia de Lourizán e manifesaron que son partidarios de apostar pola modernización tecnolóxica da planta en lugar da proxectada ampliación, así como de acometer a "indispensable" separación de pluviais e fecais que agora mesmo entran conxuntamente na depuradora.
A maiores, Cidadáns expuxo a posibilidade de que a longo prazo se poida buscar unha localización alternativa para a estación e María Rey tamén se mostrou partidaria, como suxeriron os veciños, de que os grupos municipais emitan un posicionamento conxunto, pois "esta é unha loita que debe de ser conxunta, de todo o municipio de Pontevedra e os partidos debemos ser os primeiros en dar exemplo".
"Que as distintas administracións se pasen a pelota neste tema non é unha opción", valora Rey.