A Plataforma Non á Ampliación da Depuradora agarda que Augas de Galicia "tome nota" da declaración institucional arpobada por unanimidade no pleno municipal do martes e que "retire inmediatamente" o proxecto de ampliación da EDAR dos Praceres.
Dende este colectivo cidadán din que a nova directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, ten a oportunidade de "disolver rapidamente o conflito veciñal e institucional que se aveciña en caso de persistir na intención de materializar a ampliación".
A veciñanza fai un chamamento á directora de Augas de Galicia para que "respecte o aprobado no pleno" e que os veciños poidan "recuperar a tranquilidade".
En caso de que Augas de Galicia non retire o proxecto, os veciños de Lourizán cren que o Partido Popular local "debería convencer aos seus compañeiros de partido na Xunta" de que "asuma" a posición defendida no pleno.
"Non soamente por unha cuestión de coherencia", para non defender unha cousa en Pontevedra e o oposto en Santiago, "senón porque en caso contrario comprobaríase que o PP local non manda nada e que as decisións sobre Pontevedra se toman en Santiago", argumentan dende a plataforma.
"Os veciños están fartos de seren tratados como cidadáns de segunda"
Por outra banda, consideran os veciños que o Concello de Pontevedra ten que "esixirlle inmediatamente" a Augas de Galicia a exclusión do plan de saneamento da ría de Pontevedra de calquera proposta que contemple a indicada ampliación, tal como indica a declaración institucional.
Engaden que, no caso de que Augas de Galicia ignore esa petición o Concello ten que solicitar a convocatoria inmediata da mesa do plan de saneamento.
"Debería deixarlles claro ao resto de membros da mesa que non queda outra opción que descartar a ampliación, e que canto antes se empece a buscar alternativas, máis tempo gañarán todos en aras de conseguir un saneamento axeitado", di a plataforma nun comunicado. En caso de persistir a Xunta no proxecto de ampliación, entenden que o Concello deberá opoñerse "por todas as vías legais e xurídicas, dilatando indefinidamente a solución".
Por último, sinalan que existe un "enfado crecente entre a veciñanza" canta máis información van recabando, porque consideran que Augas de Galicia os quería "estafar", co argumento de que a ampliación era "a única alternativa posible".
"A alternativa elixida pola Xunta simplemente era a máis cómoda e, sobre todo, a máis barata. E con terreos dispoñibles no dominio público marítimo terrestre do antigo campo de fútbol desmantelado por decisión xudicial. Os veciños están fartos de seren tratados como cidadáns de segunda", conclúen.