A Plataforma Non á Depuradora dos Praceres emitiu un comunicado no que advirten que "os veciños de Lourizán non deixarán a mobilización ata que a Xunta retire o proxecto de ampliación e anuncie a busca de alternativas".
Consideran que as declaracións do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, tras reunirse co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, demostran que "a estratexia está clara" que sería, segundo apuntan, "deixar que pasen as eleccións municipais para retomar o proxecto".
Ademais acusan o presidente do executivo autonómico de "chantaxe emocional" cando sinala que mil familias viven do marisqueo na ría de Pontevedra. "Feijóo non ten familia de mariscadores e os veciños de Lourizán, si. Pero non imos caer na trampa. Non hai que elixir entre salvar o banco marisqueiro e salvar a parroquia. Pódense salvar as dúas cousas".
Neste mesmo comunicado, a plataforma afirma que Núñez Feijóo "mente cando di que a mellor alternativa é a ampliación no emprazamento actual. É a mellor alternativa para el, porque non vive aquí".
Sobre as declaracións do alcalde da capital, sinalan os veciños que "non parece que fora suficientemente contundente" ao transmitirlle ao presidente da Xunta a oposición do Concello á ampliación e lamentan profundamente que non se manifestara en contra do proxecto de emisario, actualmente en fase de exposición pública.
Á espera da reunión con Lores e de poder analizar as alegacións presentadas polo Concello ao proxecto, os veciños cren que este ten que solicitarlle á Xunta que retire o proxecto actual para que sexa modificado.
Están convencidos de que se trata dun "engano", porque é a primeira fase da ampliación, xa que argumentan que está dimensionado para 150.000 persoas, e supón a ocupación de 1.300 metros cadrados de terreo en dominio público marítimo terrestre "que non habería que ocupar de non facerse a segunda fase da ampliación". Ademais apuntan que "ten un enorme impacto paisaxístico".
Os veciños consideran que de non opoñerse a este proxecto, o Concello estará a incumprir a declaración institucional aprobada por unanimidade no pleno que pedía a exclusión do plan de saneamento da ría de Pontevedra de calquera proposta que contemple a indicada ampliación da EDAR.
A plataforma espera que nos próximos días o goberno local aclare este tema e en caso de non estar dispostos a solicitar a retirada e modificación do proxecto actual, avanzan que iniciarán contactos con "outros partidos" e buscarán "outras vías" para tratar de paralo.