"Non nos queda outra vía que a mobilización", xustificou o secretario comarcal de Comisións Obreiras, José Luis García Pedrosa, nunha rolda de prensa na que anunciou unha manifestación dos traballadores do Parque de Maquinaria para o vindeiro sábado 11 de xuño con saída da praza da Ferrería e percorrido polo centro urbano.
Ademais o delegado deste sindicato na Deputación de Pontevedra, José Ramón Piñeiro, retou ao vicepresidente da institución provincial, César Mosquera, a un debate público sobre este conflito.
Desde Comisións Obreiras insistiron en que o goberno provincial está a seguir a súa "folla de ruta" para privatizar este servizo e tacharon de "mentiras" os datos ofrecidos por Mosquera sobre as remuneracións e privilexios destes funcionarios comparando ao político do BNG co ministro de propaganda nazi, Joseph Goebbels, pola súa idea de que unha mentira repetida moitas veces convértese nunha gran verdade.
Neste sentido responsabilizaron a Mosquera e á presidenta, Carmela Silva, de criminalizar a estes funcionarios e instáronlles a que senten a negociar e deteñan este conflito do que desvinculan ao Partido Popular.
Ademais referíronse ás pintadas insultantes como "accións reivindicativas" das que culpan igualmente ao vicepresidente Mosquera pola súa actitude "incendiaria" que deixa en "indefensión" aos traballadores do Parque de Maquinaria, aínda que García Pedrosa dixo que "non son adecuadas" as coroas mortuorias dirixidas aos membros do goberno provincial.
CARTA A RUEDA
Por outra banda o portavoz do grupo provincial do Bloque Nacionalista Galego, César Mosquera, dirixiu en tal condición unha carta aberta ao presidente provincial do Partido Popular na provincia de Pontevedra, Alfonso Rueda, na que apelan "a súa responsabilidade e á súa indubidable autoridade" sobre os dirixentes do grupo provincial do PP "para que actúe".
"Temos a esperanza de que o seu sentido institucional e a responsabilidade que detenta como vicepresidente da Xunta lle fagan recapacitar e actuar con decisión dando as consignas oportunas para frear estas barbáricas actuacións", di a misiva cuxo texto íntegro pódese ler aquí.