Os traballadores do Parque de Maquinaria da Deputación convocados polo sindicato Comisións Obreiras levaron a cabo durante as primeiras horas da tarde deste venres unha caravana pola cidade de Pontevedra para reivindicar as súas condicións de traballo e reclamar negociación aos responsables da institución provincial.
Estes operarios, nos seus vehículos particulares adornados con globos, partiron das Marismas de Alba para finalizar o seu percorrido na estación de trens pasando pola avenida do Uruguai, Corbaceiras, San Roque, Raíña Vitoria, Praza de Galicia e Eduardo Pondal.
Os manifestantes fixeron soar os cláxones durante esta marcha, que aproveitaba a festividade de San Cristovo, patrón dos condutores, para incidir na necesidade de que se xestione mellor este servizo de mantemento das estradas provinciais.
Os participantes tamén entoaron cancións populares galegas como 'Pousa, pousa' durante este percorrido. Desde o sindicato Comisións Obreiras afirman que manterán un calendario de protestas ata que se resolva este conflito laboral.