Comisiones Obreras (CC.OO.) decidiu levar a cabo un acto de protesta ante o concello de Pontevedra este venres 17 ás 17.00 horas en defensa da liberdade de expresión ao entender que a brigada de traballadores do servizo de limpeza municipal da empresa Cespa por orde do vicepresidente da Deputación, César Mosquera, retirou a práctica totalidade dos mil carteis en defensa dos traballadores do Parque de Maquinaria pegados nas últimas horas
Desde o sindicato sinalan que se trata dunha actitude represora xa que nos carteis apuntábase que César Mosquera cobraba un salario de 90.000 euros ao ano mentres que Carmela Silva conta cun salario de 85.000 euros. Neses mesmos carteis denunciábase que os dous políticos enriquécense mentres "privatizan e malgastan recursos públicos na Deputación".
CC.OO. critica quese utilicen recursos públicos para lavar a imaxe de César Mosquera e de Carmela Silva, vicepresidente e presidenta da Deputación.
TAPANDO PROPAGANDA ELECTORAL
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, criticou que algúns dos carteis da campaña de protesta dos traballadores do Parque de Maquinaria están a tapar a propaganda electoral dos partidos políticos.
Carmela Silva reiterou a súa "tristeza" por esta situación de conflito xa que "eu creo profundamente no sindicalismo" por ser "un pilar fundamental do Estado de Dereito" e lembrou que leva afiliada a Comisións Obreiras desde o ano 1979 polo que considera "absolutamente inxusto o que está a acontecer".
Unha vez máis reiterou que "o único" que quere o goberno provincial é "racionalizar" o funcionamento do Parque de Maquinaria para "cumprir coa legalidade" mentres que Comisións Obreiras "está a defender privilexios" e lembroulles que na Deputación traballan 600 persoas, entre funcionarios, persoal laboral e interinos que non teñen as mesmas condicións que defenden os traballadores do Parque de Maquinaria.
Finalmente dixo que é "falso" o que din os carteis sobre o salario da presidenta. "Eu teño o salario que me corresponde por lei", puntualizou "creo que é o salario que me gaño traballando quince horas cada día", concluíu.