Os traballadores do Parque de Maquinaria da Deputación concentráronse ante o edificio da institución provincial na avenida de Montero Ríos durante este venres 15 desde as 12.00 ata as 15.00 horas, un acto que teñen previsto repetir durante os próximos venres.
O delegado de Comisións Obreiras, José Ramón Piñeiro, afirma que desde o novo goberno da Deputación está a buscarse a privatización deste servizo. Denuncia que se está modificando a xornada laboral destes traballadores e que están a asumir funcións que non lles corresponden. No acto de protesta atopábanse tanto os condutores como membros das brigadas e do conxunto de traballadores do Parque.
Piñeiro indica que os condutores están a traballar con vehículos que suman máis de 30 anos de antigüidade poñendo en perigo a súa integridade física. Desde Comisións Obreiras reclaman un encontro cos representantes políticos da Deputación, que sirva para resolver a situación laboral destes traballadores de cara o futuro.
SOLDOS ELEVADOS
Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación provincial, César Mosquera, indicou que as medidas que se adoptaron en relación ao persoal do Parque céntranse en igualar a súa situación laboral coa dos traballadores do servizo de vías e obras da institución. Afirmou que estes empregados públicos pasaron tamén a traballar nas estradas provinciais e aclarou que nin o PSOE nin o BNG teñen intención de privatizar este servizo do Parque de Maquinaria.
César Mosquera manifestou que sindicalmente están a defenderse "privilexios espúrios" consentidos polo anterior goberno da Deputación presidido por Rafael Louzán. O vicepresidente actual engadiu que antes se traballaba sen un filtro técnico nin obxectivos que agora se estableceron.
Ante estas protestas, Mosquera pediu sensatez aos responsables sindicais e lembrou que algúns dos condutores do Parque de Maquinaria contan con soldos máis elevados que o da presidenta da Deputación, Carmela Silva, que alcanza os 71.000 euros brutos ao ano.
O político nacionalista engadiu, por outra banda, que as instalacións do Parque de Maquinaria están a ocupar un espazo non adecuado nas marismas da Xunqueira de Alba.