Para os traballadores de ENCE resulta "sorprendente" a postura de Transición Ecolóxica, que nas últimas horas verbalizou a súa intención de expor unha saída "ordenada" para a fábrica pasteira e un calendario "razoable" para o desmantelamento das instalacións.
"Parece que é unha presión para nós", sinalou Toño Lafuente, presidente do comité de empresa da fábrica, que recoñece que "a vida xa non está sendo fácil" ao ter que traballar na situación xurídica na que se atopa a compañía.
Lafuente lamenta que a "división de poderes" entre a xustiza e a política "non existe", porque lembra que as sentenzas que anularon a prórroga concedida a Ence atópanse recorridas ante o Tribunal Supremo, polo que "non entendemos estas noticias".
A presidenta do comité de oficinas, Ana Cedeira, tachou este comportamento do Goberno como un "acoso y derribo" contra os traballadores. "Esta actitud prepotente, insultante y acosadora nos parece un auténtico despropósito", dixo.
Responsabilizou diso, principalmente, á vicepresidenta Teresa Ribera e ao secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, aos que Cedeira esixiu que "dejen de presionar al Supremo" falando dun hipotético desmantelamento.
"Las sentencias están recurridas y no todo está ganado por el Gobierno", engadiu a portavoz dos traballadores, que retou a Ribera a que "venga aquí y nos lo diga a la cara" tras demostrar ser "muy valiente detrás de los micros y las cámaras".
Ante esta situación, subliñou Ana Cedeira, "toca ser más contundentes" nas súas mobilizacións, advertindo que os traballadores defenderán "con uñas y dientes" a permanencia da fábrica de Ence en Pontevedra.
"Non imos consentir que nos boten dos nosos traballos", sentenciou.