Ao redor de 20 traballadores de Elnosa concentráronse durante este venres 9 de decembro ante as portas do Concello de Pontevedra cunha megafonía na que soaban os primeiros compases da partitura da banda sonora de 'Tiburón' e a continuación co gran éxito do dúo Pimpinela: 'Olvídate y pega la vuelta''. Ao mesmo tempo, os representantes sindicais portaban fotografías do alcalde Fernández Lores, de César Mosquera, Raimundo González, Carme da Silva e Luís Bará indicando que 'Elnosa non se pecha'.
Denuncian que o goberno local aplicou a Lei Mordaza ao presidente do comité de empresa, Avelino García, por unha protesta na rúa antes dun mitin electoral e por iso coreaban "Lei mordaza, moito criticala para despois aplicala".
Os representantes do comité manterán o día 14 unha entrevista coa dirección para coñecer os detalles do encontro que mantiveron con dirixentes da Xunta de Galicia.
A empresa mantén que conta cun borrador para solicitar a licenza ambiental integrada coa previsión de desmantelamento da planta de mercurio para asumir o proceso de membrana.
Os traballadores, segundo expresou Avelino García, entenden que aos poucos van despexando o camiño de cara ao futuro e reclaman ao goberno local de Pontevedra que, unha vez que se tramite a nova licenza ambiental integrada, o Concello conceda as licenzas para que se acometan as obras dentro do complexo para adaptarse á normativa europea e permanecer en Lourizán.