A portavoz de Medio Ambiente do grupo socialista no Parlamento de Galicia, Patricia Vilán, vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para esixirlle ao goberno galego que licite, antes do próximo mes de marzo, unha nova estación depuradora para os concellos de Poio e Sanxenxo.
A responsable socialista quere aliviar así á Edar de Praceres, en Pontevedra, que ten que atender, ademais destes dous concellos, a Pontevedra e Marín, co que "está soportando un tratamento de augas residuais excesivo, ademais de padecer unha deficiente depuración ao non estar rematadas as redes de colectores nin as estacións de tratamento previstas".
Esta situación ten provocado que o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) teña decretado aos bancos marisqueiros do pósito de Raxó como zona C de contaminación entre finais deste ano e comezos do vindeiro.
A responsable socialista reclámalle ao goberno galego que "complete, antes de que remate o ano 2015, o saneamento integral da ría de Pontevedra, aportando as solucións para a depuración dos concellos que verten á mesma". Ademais esixe un novo convenio de saneamento do rural do concello de Pontevedra antes de que remate o próximo ano.
Os socialistas galegos tamén solicitaron a relación íntegra das táboas de resultados analíticos practicados durante 2013 e 2014 na saída ao emisario submarino no que os vertidos urbanos se mesturan cos industriais, relativos á Edar de Praceres.