A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, reclamou este xoves á Xunta que adecúe a mellora urxente da Edar dos Praceres á normativa comunitaria. A responsable socialista lamentou o veto do PP a esta iniciativa para mellorar a capacidade depuradora da infraestrutura xestionada por Augas de Galicia, neste momento sobrepasada ao ter que tratar as augas de Pontevedra, Marín, e parte de Poio, Sanxenxo, Vilaboa e Ponte Caldelas.
A responsable socialista acusou ao goberno galego de "facer unha chapuza" coa xestión da Edar e do seu proxecto de mellora anunciando que "triplicarían a súa capacidade e espazo que ocupa nos terreos contiguos esquecendo o trámite de solicitar os terreos". Vilán sinalou que o incumprimento da normativa "destapouse no momento en que cambiou o goberno, e isto é o que ocorre cando un non cumpre coa legalidade".
Patricia Vilán explicou que ese é o motivo polo que o Ministerio de Transición Ecolóxica "nada semella saber de ningunha solicitude de ampliación da ocupación por parte da Xunta de Galicia", ata o punto de que a propia conselleira de Infraestruturas "deixou de falar de ampliación e fala agora de mellora da estación depuradora".
Reclamou ao PP e ao goberno galego que atendan ao "rexeito claro e rotundo" tanto da veciñanza como da propia Corporación Municipal de Pontevedra, que vén de aprobar por unanimidade unha moción rexeitando a ampliación da infraestrutura e solicitando a súa mellora.
A Edar ten que asumir un volume tan elevado de augas residuais, dixo, que "como consecuencia a Ría de Pontevedra vén soportando un tratamento de augas residuais excesivo, ademais de padecer unha deficiente depuración, ao non estar rematadas as redes de colectores nin as estacións de tratamento previstas".