Os sindicatos convocan unha manifestación o día 23 contra a subida de prezos

Pontevedra
18 de marzo 2022

Esixen ao Goberno o cambio do sistema de fixación do prezo da electricidade, poñer coto aos beneficios extraordinarios e abusivos das eléctricas, a aceleración dos investimentos para reducir a dependencia enerxética externa, a protección ás familias, o apoio á industria, agricultura, gandería e pesca; a activación do sistema REDE para protexer o emprego e a  regulacion dos prezos do alugueiro de vivendas.

Ramón Vidal (UXT) e Jose Luís García Pedrosa (CC.OO) convocan unha manifestación contra a subida de precios
Ramón Vidal (UXT) e Jose Luís García Pedrosa (CC.OO) convocan unha manifestación contra a subida de precios / PontevedraViva

Os sindicatos Comisións Obreiras e UXT convocan unha manifestación o día 23 de marzo en Pontevedra co obxectivo de mostrar o malestar de toda a cidadanía pola subida xeral dos prezos. A cita está prevista para as 19.30 horas na praza do Hospital Provincial para terminar na praza da Peregrina.

Con esta iniciativa, que se realizará de forma simultánea a nivel nacional, os convocantes pretenden presionar ao Goberno para que tome medidas canto antes para controlar os prezos da luz e dos combustibles principalmente."Desto depende a economía de moitas familias e a viabilidade de moitas empresas", advirte o secretario comarcal de UXT, Ramón Vidal.

Alerta o dirixente de que en próximas datas chegará o momento de negociar os convenios colectivos en moitos sectores e os empresarios parecen non estar polo labor de adecuar os salarios acorde á inflación actual, co que a clase traballadora perderá aínda máis poder adquisitivo.

Nun ton similar pronunciouse o secretario de Comisións Obreiras, José Luis García Pedrosa, quen non comprende como o Goberno non tomou aínda "medidas rápidas, nin tampouco provisionais, para a cidadanía". Regular o prezo do gasóleo debería ser, ao seu entender, unha das principais prioridades.

"Estamos preto da parálise económica", advirte Pedrosa para animar a toda a cidadanía a participar na manifestación. "Non é unha manifestación dos sindicatos, é unha manifestación cidadá", puntualiza o portavoz dos traballadores sobre unha marcha na que participarán tamén colectivos veciñais e de autónomos de toda Galicia.

"Hai que traducir o malestar nunha protesta ampla para presionar ao Goberno e á Xunta", remata o secretario de Comisións Obreiras.

No manifesto, os convocantes esixirán ao Goberno o cambio do sistema de fixación do prezo da electricidade, poñer coto aos beneficios extraordinarios e abusivos das eléctricas, a aceleración dos investimentos para reducir a dependencia enerxética externa, a protección ás familias, o apoio á industria, agricultura, gandería e pesca; a activación do sistema REDE para protexer o emprego e a  regulacion dos prezos do alugueiro de vivendas.