A Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés está de parabén, tras recibir este mércores tres premios nacionais 'Best in Class 2022' galardoando iniciativas asistenciais tanto dos servizos de Dermatoloxía e de Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra como da súa Atención Primaria.
Trátase duns premios convocados anualmente pola Cátedra de Innovación e Xestión Sanitaria da Universidad Rey Juan Carlos e a publicación especializada Gaceta Médica que recoñecen publicamente aos mellores servizos, unidades e procesos asistenciais de hospitais e centros de saúde de toda España, tanto públicos como privados.
No caso do galardón nacional ao Servizo de Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, é o terceiro consecutivo que recibe á Mellor Unidade de Hepatite C en Atención ao Paciente.
"Este terceiro premio Best in Class consecutivo para o noso servizo non sería posible sen o gran traballo dun equipo multidisciplinar, formado por profesionais de Atención Primaria, Farmacia, Microbioloxía, Admisión, ademais da colaboración explícita do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e o apoio permanente da nosa Área Sanitaria", explicou o xefe do servizo de Aparello Dixestivo, o doutor Juan Turnes.
Pola súa banda os premios Best in Class 2022 galardoaron ao servizo de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra como a mellor unidade de atención ao paciente nesta especialidade. Segundo a súa máxima responsable, a doutora Ángeles Flórez, "este servizo ten unha longa traxectoria clínica e investigadora e está composto por profesionais dedicados, que crean a contorna para mellorar a experiencia do paciente". Tanto é así que a xefa de servizo lembra que nos últimos anos "recibimos ata o de agora cinco premios nacionais como mellor Unidade de Psoriase en atención ao paciente, motivo polo que a nosa Unidade de Psoriase recibiu as 5 estrelas BIC. Ademais, tamén fomos finalistas en Mellor Servizo de Dermatoloxía en Atención ao paciente no ano 2016". Un recoñecemento que "é froito do traballo conxunto co Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e do apoio permanente de todo o persoal da nosa Área Sanitaria".
Por último estes galardóns recoñeceron co seu premio nacional na categoría de Atención Primaria ao Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés, pola aplicación dos seus programas de mellora da calidade e innovación. Nesta edición, foron concretamente os centros de saúde de Virxe Peregrina en Pontevedra e o de Vilanova de Arousa os que recibiron o recoñecemento nacional polas súas innovacións e propostas de mellora específicas, valorando que dispoñan dun Plan de Saúde Local, un documento elaborado polos profesionais de cada ambulatorio que busca adecuar a asistencia á demanda analizando fortalezas e debilidades.