Os restos arqueolóxicos son o único atranco para o tanatorio de Arcebispo Malvar

Pontevedra
27 de febreiro 2013

O informe do arquitecto de planeamento do Concello de Pontevedra sinala que esta leira linda co ámbito do Peprica, no ámbito de protección da ponte do Burgo, e a área de respecto do centro histórico. Ademais linda co ámbito de musealización dos restos arqueolóxicos da praza de Valentín García Escudero "e presúmese que non subsolo atópanse restos do antigo peirao de Pontevedra"

As empresas Alianza e Barros S.A. e Pompas Fúnebres Pontevedra S.L. solicitaron unha consulta urbanística ao concello de Pontevedra sobre o solar no que pretenden construír un tanatorio na parcela situada na confluencia de Arcebispo Malvar coa avenida do Uruguai.

Segundo informou o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, estas dúas empresas recentemente, a raiz da suspensión de licenzas para crematorios, modificaron o proxecto básico para a construción só dun tanatorio e iniciaron a tramitación do expediente para obter unha nova licenza.

O informe do arquitecto de planeamento sinala que esta leira linda co ámbito do Peprica, no ámbito de protección da ponte do Burgo, e a área de respecto do centro histórico.

A futura edificación estará condicionada ao estudo arqueolóxico e aos informes da consellería de Cultura

Ademais linda co ámbito de musealización dos restos arqueolóxicos da praza de Valentín García Escudero "e presúmese que non subsolo atópanse restos do antigo peirao de Pontevedra", de tal xeito que a futura edificación estará condicionada ao estudo arqueolóxico e aos informes da consellería de Cultura "e do propio concello de Pontevedra ao respecto", engadiu Louro.

Polo tanto, o concelleiro de urbanismo afirmou que "este aspecto unido a necesidade de executar aparcamento condicionará de xeito significativo calquera consideración sobre a edificación en superficie".

Tamén hai outro informe emitido polo arquitecto da oficina técnica de disciplina urbanística sinala que o solar está cualificado como chan urbano e de uso de equipamento "e como tal non queda excluído nin queda prohibido o uso de tanatorio", recordou Louro. Ten usos complementarios como son os de aparcadoiro, cafetería, usos comerciais e zona administrativa.

Curiosamente no informe "non se entende como uso complementario as oficinas do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia", indicou o responsable municipal de urbanismo. E é que os arquitectos ao vender esta propiedade reserváronse un espazo para oficinas.

Ademais o proxecto deberá "reinterpretar a antiga edificación do baile do Teucro" e buscar plena compatibilidade coa vivenda colindante da familia Filgueira.