A Plataforma Defensora da Praza de Os Praceres comezou no ano 2001 o recurso contencioso-administrativo que derivou en que se declarasen ilegais os recheos do porto de Marín. Trece anos despois, e tras a útima sentencia do Tribunal Supremo, volveron aos tribunais e presentou ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) un escrito pedindo que o fallo se execute "sen máis dilación".
A plataforma pide ao TSXG que proceda a cumprir a executoria facendo que se faga a expresa advertencia de que "se non dera inmediato cumprimento ao fallo, se procederá á imposición de multa coercitiva", sen prexuízo da adopciòn das medidas necesarias para a efectividade do mandado e de deducir testemuño de particulares para esixir responsabilidade penal polo incumprimento.
O último fallo do Supremo desestima os últimos recursos de casación presentados pola empresa Cabomar Congelados e a Administración Xeral do Estado (en representación da Autoridade Portuaria de Marín Ría de Pontevedra) confirmando a obriga de que se execute a sentenza do ano 2009 que obrigaba a demoler os recheos do porto e repoñer os 300.000 metros cadrados de terreos gañados ao mar ao seu estado previo.
Os recursos presentáranos contra os autos previos do TSXG que obrigan á execución da sentenza que ilegalizara os recheos e, en resposta, a sentenza do Supremo mantén que a execución de ese fallo do ano 2009 "non admite máis demoras" e que o que, precisamente, podería comprometer o procedemento de execución da sentenza e situarse en contradicción con ela é "xustamente, o que pretende o Avogado do Estado", que é "que non haxa lugar á demolición de obra alguna, aducindo a existencia dunha serie de plans anteriores e posteriores que haberían de dar suposta cobertura ás obras contempladas no plan especial anulado".
A Sala do Contencioso Administrativo do TSXG ditou dous autos o 22 de febreiro e o 11 de abril de 2013 que declaraba que non se executara a sentenza de 2009. Tras ambas as dúas resolucións, debería terse dado cumprimento á sentenza que declara ilegais as obras de recheo do mar e orde a "reposición da zona portuaria á anterior situación e estado".