Os policías nacionais de Pontevedra fórmanse no manexo de drons

Pontevedra
15 de marzo 2018

A Unión Federal de Policía (UFP) desenvolve un curso teórico-práctico de drons para formar a unha trintena de policías nacionais de Pontevedra, Marín, Vigo e Vilagarcía de Arousa

Formación da Policía Nacional na utilización de drons
Formación da Policía Nacional na utilización de drons / Unión Federal de Policía

Este xoves 15 de marzo arrancaba un curso teórico-práctico de manexo de drons para os policías nacionais destinados en Pontevedra, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Marín. A finalidade desta formación é que os policías teñan coñecementos e poidan utilizar as novas tecnoloxías nun futuro. A utilización de drons en labores de rescate, procura ou accidentes cada vez é máis habitual nos corpos policiais.

A Unión Federal de Policía de Pontevedra (UFP) desenvolveu este curso porque considera que "os policías que traballan nos seus persoais non teñen a formación adecuada para realizar as tarefas que lles ocupan" e que, poderían empregar eses coñecementos "na loita contra a delincuencia e salvar vidas en situacións críticas como as vividas hai poucos meses cos incendios que arrasaron a cidade de Vigo".

Para iso, contan con achegas desinteresadas de empresas e institucións e animan a todo aquel que queira colaborar a facelo a través do seu correo electrónico pontevedra@ufpol.org.

A UFP pide á administración o material necesario para o desempeño das funcións policiais e lembra que aínda hai numerosos axentes que carecen de chaleco antibalas e antipunzón de dotación persoal.