Os orzamentos do Estado centran os seus investimentos na A-57, o nó de bombeiros e o porto de Marín

Pontevedra
13 de outubro 2021

O Executivo que preside Pedro Sánchez tamén inclúe partidas para a segunda fase do paseo marítimo a Marín (1,7 millóns de euros) e a reforma do antigo edificio de Facenda, na Praza da Ferrería, que se destinará a arquivo histórico provincial

Vista da cidade de Pontevedra
Vista da cidade de Pontevedra / Mónica Patxot

O Goberno fixo público este mércores o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2022 que, no caso de Pontevedra, centran os seus investimentos na autovía A-57, a nova ligazón de bombeiros e o porto de Marín.

O Executivo que preside Pedro Sánchez tamén inclúe partidas para a segunda fase do paseo marítimo a Marín (1,7 millóns de euros) e a reforma do antigo edificio de Facenda, na Praza da Ferrería, que se destinará a arquivo histórico provincial.

Neste último caso, o Ministerio de Cultura e Deporte contempla unha previsión de 2 millóns para 2023 e doutros 3,5 millóns para o 2024 e o 2025 aínda que a licitación do proxecto para a construción desta nova sede está prevista no exercicio 2022.

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana recolle, con todo, a maior partida para Pontevedra que volve ser para a A-57, a coñecida como circunvalación de Pontevedra. Para o tramo Vilaboa-A Ermida,que está en execución, destínanse 23,73 millóns en 2022.

Non se recollen avances, polo contrario, nos outros dous tramos A Ermida-Pilarteiros e Pilarteiros-Barro (este último coa conexión coa autovía do Salnés). Márcanse "sen previsión", reservándose a cantidade de 100.000 euros para manter aberto este capítulo.

O denominado como Enlace de Pontevedra Norte, popularmente coñecido como o nó de bombeiros, repite asignación e o Goberno volve consignar un investimento de 2,2 millóns de euros para o 2022, outros cinco millóns de euros máis para o 2023 e tres millóns en 2024. 

Tamén Portos do Estado contempla investimentos no porto de Marín para o 2022 como son a prolongación do novo peirao comercial (3,9 millóns de euros), actuacións porto-cidade (1,1 millóns de euros), ademais de distintos investimentos na mellora de pavimentos nos peiraos, intervencións no sector pesqueiro, actuacións en seguridade marítima e outras obras xenéricas e menores.

Para a mellora de calados non destina cantidade para 2022 pero a partir de 2023 contempla investimentos por un total de 11,3 millóns. 

Os orzamentos tamén inclúen fondos da sociedade Aguas de las Cuencas de España (ACUAES) para o plan de saneamento da ría, que comprende a rede de sumidoiros de Samieira e Raxó e a ampliación da EDAR de Paxariñas en Sanxenxo  (2,96 millóns, a fase final da musealización de 18 xacementos arqueolóxicos galaico-romanos ou o novo cuartel da Garda Civil en Cambados (3,16 millóns de euros).

1.074 MILLÓNS PARA GALICIA

En conxunto Galicia recibirá 1.074 millóns de euros de investimentos, un 8,3% do total, o que a sitúa como a quinta comunidade que máis fondos percibe nos Orzamentos 2022. A autovía Santiago-Lugo ou a produción de dúas fragatas F-110 son os proxectos de maior contía das previstas polo Goberno.

Arquivado en