Os opositores á planta de compostaxe trasladarán as súas protestas ao pleno municipal de febreiro

Pontevedra
17 de xaneiro 2015
Actualizado: 14:03

Máis de 250 veciños asistiron á xuntanza convocada en Ponte Sampaio na que se analizaron as consecuencias da instalación da planta de compostaxe na parroquia da Canicouva

Ramón Agulla durante a reunión con veciños de Ponte Sampaio
Ramón Agulla durante a reunión con veciños de Ponte Sampaio / PontevedraViva

Máis de 250 veciños asistiron á asemblea na que durante a noite deste venres 16 se debateu sobre a planta de compostaxe que o Concello e a Deputación Provincial proxectan instalar na parroquia da Canicouva. Esta primeira reunión terá continuidade durante a tarde deste sábado con outro encontro organizado pola asociación Santa María de Ponte Sampaio na Biblioteca de Medal a partir das 17:30 horas.

Desta forma, os principais dirixentes veciñais encabezados por Ramón Agulla intentan poñer en marcha unha plataforma de oposición á creación desta planta nesta zona ao entender que se verían afectados polos olores, pola circulación de camións e por posibles verteduras contaminantes que se derivarían desa instalación encargada de recoller residuos de ao redor de vinte concellos da provincia.

Durante a reunión decidiuse iniciar un calendario de protestas. A primeira faríase visible no pleno municipal de febreiro. Descartouse realizar a protesta no deste mes, o 20 de xaneiro, porque considera a celebración da festividade de San Sebastián.

Os veciños lamentan o escurantismo co que se manexou o Concello na súa toma de decisións sobre a instalación da planta de compostaxe e entenden que se verán prexudicados se a planta chega a contaminar os acuíferos da zona que abastecen a máis de cincocentas vivendas.

O colectivo de opositores ao proxecto xa recibiu apoios de diferentes asociacións veciñais e políticas. A última chegou por parte de Compromiso por Galicia que considera A Canicouva unha mala situación para a planta e destaca a coincidencia na súa proximidade co trazado de á-57 ao considerar que ambos os dous proxectos supoñerán unha "agresión inaceptable" a un dos valores naturais da bisbarra como é o monte da Fracha.

Pola súa banda, o Partido Popular a través de Jacobo Moreira empraza o alcalde a que saia do seu despacho e se achegue ata Ponte Sampaio, "se é que lembra onde queda", co fin de coñecer a postura dos veciños contrarios á planta.

Arquivado en