Os institutos de Sanxenxo participan na mesa local contra a violencia de xénero

Sanxenxo
20 de novembro 2017

A este encontro asistiu Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. A mesa busca coordinar na prevención e na atención ás vítimas de violencia de xénero

Rolda de prensa de Susana López Abella
Rolda de prensa de Susana López Abella / Xunta de Galicia

O salón de plenos acolleu na tarde deste luns a vixésima convocatoria da mesa local contra a violencia de xénero do Concello de Sanxenxo.

Á cita asistía a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, ademais de representantes do Concello de Sanxenxo co alcalde Telmo Martín e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Silvia Freire. Tamén acudiron integrantes do Centro de información á Muller (CIM); representantes da Garda Civil e da Policía Local. Outras autoridades que se achegaron ao Concello foron cargos da subdelegación do Goberno, a xuíza do xulgado de violencia sobre a muller de Cambados e profesionais do centro de saúde do municipio.

Por primeira vez, na mesa de representación déronse cita responsables dos tres institutos de Sanxenxo. Unha presenza que foi moi ben considerada polo goberno local ao entender que é fundamental que esta problemática sexa detectada e atendida polos mozos desde as idades máis temperás.

Na mesa estudouse a coordinación de axentes sociais, actuacións e recursos. Examináronse as problemáticas detectadas e as melloras propostas, ademais de analizar o impacto das campañas de sensibilización e prevención. 

Diferentes colectivos participaron na avaliación do actual Plan de Igualdade e sacáronse conclusións que agora se remitirán a través dunhas liñas básicas a todos os departamentos do Concello, asociacións demujeres e á oposición.

Do 21 ao 28 de novembro estará aberto un prazo para que se propoñan melloras a este plan, un documento que se atopará a disposición de todos os veciños no CIM, para que poidan consultalo e achegar o que desexen. No Plan de Igualdade se aposta por introducir parámetros de igualdade nas novas tecnoloxías e condutas non sexistas nos centros educativos.