A crise sanitaria da COVID-19 obrigou non só a modificar as datas das probas de acceso á universidade, antes coñecidas como selectividade e agora como ABAU. Tamén será unproceso distinto nas modalidades de exame e nos lugares onde se van a celebrar.
A previsión da Universidade de Vigo é que 1.500 alumnos e alumnas da comisión delegada de Pontevedra participen nestas probas de acceso que, para evitar desprazamentos masivos e aglomeracións, ampliarán o número de lugares nos que se farán os exames.
Así, a metade deles examinaranse en Pontevedra. Estarán repartidos entre as aulas grandes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, o pavillón deportivo universitario e o recinto feiral, se ben este último aínda non está totalmente confirmado.
No caso de non poder utilizalo, os exames faríanse tamén no pavillón da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.
Outros 700 alumnos examinaranse en dúas comisión establecidas en Vilagarcía de Arousa (550), concretamente nas instalación de Fexdega, e Marín (150), que terá a súa sede no IES Illa de Tambo pero os exames terán lugar no pavillón da Raña.
Para a realización dos exames considerouse a utilización de espazos amplos con boa ventilación, onde se poida manter o distanciamento coa flexibilidade necesaria para un número variable de alumnos. Ademais deben ter boa accesibilidade para entrar e saír, preferentemente con mesas e cadeiras individuais.
Ademais das medidas de limpeza e desinfección dos espazos, estableceuse tamén un protocolo de actuación que indica que os alumnos terán que levar obrigatoriamente máscara e terán limitados os obxectos que poden levar na súa mochila, da que non se poderán separar.
As mesas estarán etiquetadas para seren usadas unicamente por cada alumno e quedarán baleiras se dito alumno non ten que facer o exame. En espazos grandes haberá separacións mediante corredores e deseñaranse para cada sector vías específicas de entrada e saída.
Por outra banda, tamén se modificou o calendario de exames para que os catro exames da fase común se fagan ao principio do primeiro e segundo día e só teñan que volver a facer exames no resto do día aqueles que teñen que examinarse de materias da fase específica.
"A idea xeral coa que estamos a traballar é que, na medida do posible, o alumnado chegue, faga o exame e volva ao seu domicilio sen entrar en contacto con ninguén", explica o delegado da Comisión Interuniversitaria de Galicia, Luís Muñoz.