Os empresarios turísticos de Sanxenxo cifran nun 91% a ocupación en agosto

Sanxenxo
01 de setembro 2022

Nove de cada dez camas dispoñibles en establecementos hoteleiros de Sanxenxo estiveron ocupadas durante o mes de agosto. Así o revelou o Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS), que situou a ocupación turística do municipio nun 91,54%

Turistas na oficina de Turismo de Sanxenxo
Turistas na oficina de Turismo de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

Nove de cada dez camas dispoñibles en establecementos hoteleiros de Sanxenxo estiveron ocupadas durante o mes de agosto. Así o revelou o Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS), que situou a ocupación turística do municipio nun 91,54%.

Este dato, segundo o propio sector, supera en catro puntos ao pasado verán, que tivo un 87,38% de prazas ocupadas, e é o maior nivel que se alcanzou no últimos cinco anos, superando a marca de 2018, que chegara ata o 91,03%.

Hoteis de tres e catro estrelas, pero tamén apartamentos turísticos marcan as mellores cifras de ocupación, todos eles por encima do 92%. Os cámpings, pola súa banda, chegaron ao 87%, o que supón oito puntos máis que o marcado no mesmo período do ano pasado.

O presidente do CETS, Alfonso Martínez, mostrouse satisfeito do balance que lanza este mes de agosto en que se traballou "moito e ben", demostrando unha vez máis o "alto grao de fidelización" alcanzado entre os visitantes que elixen Sanxenxo para as súas vacacións.

"Foi unha tempada estival complexa, con déficit de man de obra pero volvemos a marcar a diferenza, traballando coa profesionalidade que nos distingue e que nos permite volver marcar un fito", sinalou Martínez.

No conxunto da tempada estival, Sanxenxo mantivo unha ocupación media superior ao 80% das prazas ofertadas -76% de ocupación media en xullo e 91% en agosto-.

Desde o CETS reiteran que estes datos teñen moito valor por rexistrarse en "circunstancias moi complexas", como consecuencia das subidas dos prezos e a inestabilidade derivada da guerra de Ucraína.

O "bo facer" do sector turístico de Sanxenxo, segundo o seu presidente, sumado a unha climatoloxía "bastante estable" permitiu alcanzar uns excelentes resultados que os hoteleiros esperan seguir prolongando durante boa parte do mes de setembro.